Diego Carou: "Nos fogares contamos con dispositivos intelixentes procedentes da industria 4.0"

O profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica da Universidade de Vigo, Diego Carou (Universiddae de Vigo).
Diego Carou, profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, da Universidade de Vigo, forma parte do grupo Rede en procesos de fabricación sostíbel e máis recentemente en temas relativos á industria 4.0 e á dixitalización. Sobre esta última temática aplicada ao sector aeroespacial trata a súa máis recente publicación. Nós Diario interesouse pola presenza da "cuarta revolución industrial" na vida cotiá.

-Cales son as principais características da industria 4.0 no sector aeroespacial?

Xira arredor das denominadas tecnoloxías facilitadoras, como a fabricación aditiva, o Big Data, a intelixencia artificial e a computación na nube. Por exemplo, a fabricación aditiva permite traballar con xeometrías dificilmente obtidas por medio doutros procesos de fabricación e, daquela, obter importantes reducións en peso e emisións á atmosfera. No caso do Big Data, por medio das técnicas de intelixencia artificial pódense obter predicións que axudan na toma de decisións en asuntos como a fabricación, mantemento ou defensa. 

-E os últimos avances?

O desenvolvemento de solucións de digital twins, os xemelgos dixitais, por parte de compañías como GE Aviation, resulta subliñábel. Este campo está amplamente identificado como unha das tendencias tecnolóxicas de máis interese nos últimos anos, como identifican as compañías Deloitte ou Gartner, entre outras. 

Ademais dos avances en fabricación aditiva, unha nova tendencia é o traballo con materiais intelixentes por medio da denominada impresión 4D, para xerar produtos que modifiquen as súas propiedades cando son estimulados externamente mediante, por exemplo, temperatura ou luz. A NASA tamén está a presentar importantes avances en robótica co obxectivo de dar soporte ás e aos astronautas no espazo. 

Cómpre destacar, así mesmo, os traballos de investigación académica que permiten testar tecnoloxías, idear novas aplicacións e avanzar, por exemplo, no control de procesos de fabricación, mais tamén resulta fundamental o rol das startups tecnolóxicas, moitas altamente especializadas.

-Cal é a razón de que este sector sexa un dos que máis introduciu este tipo de tecnoloxías?

Este é un sector de xa longa tradición e sempre con crecentes exixencias en termos de calidade, custo, reducións de emisións etc. Isto leva a xeración de grandes empresas con importantes niveis de investimentos en I+D+i e persoal altamente capacitado sostidos no tempo. Ademais, hai que salientar o pulo no desenvolvemento tecnolóxico exercido polas axencias espaciais. Historicamente, o sector estivo sempre na vangarda tecnolóxica.

-Que aplicación práctica poden ter noutro tipo de sectores?

Outros sectores como a automoción, electrónica, biomedicina etc. están a empregar moitas destas tecnoloxías. Así, pódese ver como Volkswagen Group emprega o Internet das Cousas da AWS de Amazon, J.P. Morgan ou Starbucks traballan cos servizos de blockchain de Microsoft Azure, ou Carrefour confía nos servizos na nube de Google. 

Non obstante, se cadra, o interesante é entender que esta transformación non é só exclusiva da industria, senón que é transversal, afectando a moitos ámbitos das nosas vidas. Por exemplo, no desenvolvemento das cidades intelixentes. Non fai falla máis que atender aos dispositivos electrónicos dispoñíbeis nos fogares, con nomes amplamente recoñecidos polo público como Alexa de Amazon, Siri de Apple ou Cortana de Microsoft, para facerse unha idea da importancia crecente de tecnoloxías como a intelixencia artificial.

-Que impacto tivo a pandemia no sector?

As medidas de restrición da mobilidade afectaron decisivamente ao tráfico aéreo. En abril de 2021, segundo a Asociación Internacional do Transporte Aéreo 9.500, avións, 34 do total, seguen parados. Compañías e fabricantes de avións víronse afectados nas ordes e entregas de avións, mesmo cancelacións de pedidos, tendo que reestruturar as súas estratexias.