A auditoría de Deloitte alerta dun ‘burato’ contábel nas contas de NGB de 1.911 millóns de euros

Os auditores apuntan a que Novagalicia Banco posúe créditos fiscais (que as entidades xeran cando incorren en perdas) que serían de dubidosa recuperación
Nova Galicia Banco
photo_camera Nova Galicia Banco

A auditora Deloitte vén de presentar, nunha comunicación á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), unha salvedade ás contas de 2011 de NovaGalicia Banco por apuntar perto de 2.000 millóns de euros en créditos fiscais que, na súa situación actual, terían unha máis que difícil recuperación. É dicir, que esta consultora (encargada dos labores de auditoría dos bancos auxiliados polo Estado) fai unha advertencia seria sobre a existencia dun desequilibrio patrimonial, o que popularmente se denomina “un buraco”, duns dous mil millóns de euros.

Esta cifra é resultante do suposto aforro fiscal nun futuro que o banco galego se atribúe nas súas contas de 2011 e que, actualmente, é imposíbel asegurar que o logren. De feito, os auditores afirman textualmente no seu comunicado á CNMV que “Á data actual non se dispón de información suficiente para concluír se se xerarán as bases impoñíbeis positivas que permitan recuperar os activos fiscais diferidos que a 31 de decembro de 2011 ascenden a 1.911 millóns de euros”.

Dúbidas

En resumo, Deloitte pon en dúbida que NGB sexa quen de xerar beneficios suficientes para recuperar eses dous mil millóns de euros en activos fiscais diferidos (créditos fiscais, que xeran as entidades cando incorren en perdas). De feito, nas contas de Novagalicia Banco de 2011 a entidade recoñece unhas perdas de case 169 millóns de euros (en concreto, 168.700.000). O 69,5% desas perdas procederían da actividade financeira mentres que o resto corresponderían á súa división industrial.

Nas contas de NovaGalicia Banco recoñécese unha fuga de depósitos superior aos 2.000 millóns de euros

E a isto hai que engadir outros datos incluídos nese balance de 2011 e non menos preocupantes, como unha fuga de depósitos de 2.035 millóns de euros e unha exposición a créditos dubidosos de 2.050 millóns. Ao que hai que engadir que a entidade presidida por José María Castellano diminuiu o volume de crédito a particulares e empresas en máis de 3.770 millóns de euros, un recorte na inxección de liquidez ao tecido produtivo con consecuencias claras na economía da Galiza.

Futuro?

Os propios auditores recollen que os responsábeis de NGB propuxeron ao Banco de España dúas opcións ou alternativas para correxir a situación na que se atopan. Ben captar investidores privados que merquen a participación do FROB (Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria, propietario do 90% do banco galego tras a nacionalización de setembro do ano pasado coa inxección de 2.400 millóns de euros) ou ben unha sorte de ‘saída a bolsa encuberta’ coa emisión de obrigacións que de por si serían convertíbeis en accións ordinarias de Novagalicia Banco. Esta segunda alternativa tivo xa o rexeitamento do organismo supervisor.

E a respecto da primeira opción (dar entrada a investidores privados para recomprar as participacións do FROB), na primeira rolda de captación destes investidotes a cantidade alcanzada rondou os 70 millóns de euros.

Xa que logo, os sinais de alerta sobre a viabilidade e continuidade de NovaGalicia Banco como entidade financeira están acesos. Sorprende o silencio ao respecto, agás excepcións, de entidades, organizacións e representantes do tecido socioeconómico da Galiza.

Comentarios