Medio Ambiente

Día Mundial dos Humidais: na Galiza hai máis de 1.100 zonas húmidas, pero só seis están protexidas

A conselleira Ángeles Vázquez visitou o pasado sábado a lagoa de San Pedro de Muro (Porto do Son), un dos espazos que Medio Ambiente afirma que incluirá no Inventario de Zonas Húmidas. (Foto: Xunta)
A Xunta mantivo baleiro durante quince anos o Inventario de Zonas Húmidas creado, precisamente, como paso previo a outorgar protección a un destes espazos naturais.

A Xunta da Galiza creou en 2008 o Inventario de Zonas Húmidas, ao abeiro do decreto 127/2008, co obxectivo de catalogar "aqueles sistemas naturais, seminaturais ou artificiais que poidan ser adscritos a algún dos tipos estabelecidos na clasificación de humidais do Convenio de Ramsar e cuxo interese ambiental poida ser corroborado con calquera dos sistemas homologados internacionalmente". Quince anos despois, porén, o inventario fica baleiro.

Tal e como informara Nós Diario en marzo de 2021, o propio Goberno galego recoñeceu nun escrito remitido á asociación Cova Crea, por medio do subdirector xeral de Espazos Naturais, Tomás Fernández-Couto, que "a día de hoxe [por aquel momento] non hai ningunha resolución de inclusión publicada no DOG, polo que non hai ningunha zona húmida inscrita no Inventario".

Desde Medio Ambiente limitáronse a argumentar, con base no artigo 13.4 do citado decreto, que a inclusión dun espazo na listaxe "lévase a cabo unicamente aos efectos estatísticos e de investigación e non implica un réxime de protección", polo que "non procede a aplicación de medidas cautelares" para engadir as zonas húmidas pendentes. Porén, o artigo 6.1 dispón que "para que un humidal poida ser declarado humidal protexido deberá estar previamente incluído no Inventario". Ou o que é o mesmo: se non se engaden zonas húmidas a este documento, non se protexen.

E a propia conselleira, Ángeles Vázquez, admitiu a pasada semana que "a finalidade do rexistro é protexer e destacar o importante papel que xogan estes espazos desde o punto de vista do coidado e da protección da biodiversidade". Vázquez fixo estas declaracións o sábado en Porto do Son, nun acto no que a Xunta trasladou que está a traballar na inclusión de 400 espazos naturais no mesmo Inventario que deixou baleiro durante tres lustros.

O informe Conservación e Xestión de Humidais en Galicia, editado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) en 2017 e da autoría de Pablo Ramil-Rego, Luis Gómez-Orellana e Javier Ferreiro da Costa, xa advertía entón que, "vinte e cinco anos despois da creación da Rede Natura 2000, a situación dos humidais da Galiza segue sendo preocupante".

"O número de espazos declarados como humidais importancia internacional queda reducido a cinco espazos —seis tras a inclusión do Parque Nacional das Illas Atlánticas, ao abeiro do Convenio de Ramsar—. A porcentaxe resulta moi inferior en relación con outras comunidades autónomas e con outros territorios da Unión Europea. A maiores, os humidais galegos, independente da súa inclusión ou non nunha figura de espazo natural protexido, seguen a rexistrar importantes afeccións —rozas, sangrados, plantacións de eucaliptos, expansión de especies exóticas, contaminación difusa, uso de munición con chumbo, actividades de ocio e recreo insostíbeis, etc.—, na maioría dos casos contrarios ás normas de xestión que rexen estes espazos", proseguían.

Aliás, malia que a Xunta semella estar disposta agora a incluír 400 zonas húmidas no devandito Inventario, que abranguerían unha superficie de 43.000 hectáreas, a medida seguiría a ser insuficiente, pois o Ibader cifrou hai xa dúas décadas en "máis de 1.100" os espazos naturais destas características presentes en territorio galego, cunha superficie de máis de 70.000 hectáreas.

Esta quinta feira, 2 de febreiro, conmemórase o Día Mundial das Zonas Húmidas baixo o lema 'É hora de restaurar os humidais'. Alén do parque das Illas Atlánticas, só gozan de protección por medio da listaxe Ramsar os humidais da ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e zona areosa de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o conxunto praia, lagoa e dunas de Corrubedo, e a ría de Ribadeo.