O renacer da lagoa de Antela, garante da biodiversidade na Limia

Os terreos da antiga lagoa de Antela, asolagados polas inundacións (Foto: SGHN).
O Ministerio para a Transición Ecolóxica comprométese a restaurar a zona húmida da Limia.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de anunciar que recuperará máis de 20.000 hectáreas de zonas húmidas de cara ao ano 2030. O compromiso da ministra e vicepresidenta cuarta do Goberno estatal, Teresa Ribera, inclúe a "restauración parcial" da antiga lagoa de Antela, unha zona húmida que, nos invernos con maiores precipitacións, chegou a acadar unha extensión de sete quilómetros de longo e seis de largo, e unha profundidade de até tres metros.

Este proxecto responde a unha demanda histórica da veciñanza da Limia, que arela a lagoa que lle foi arrebatada hai máis de seis décadas. "É unha boa nova que no século XXI mudemos a imaxe que tiñamos das zonas húmidas", relata en declaracións a Nós Diario Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que leva anos traballando a prol da restauración.

Un proxecto do franquismo botou a perder a lagoa

Após numerosos intentos errados ao longo do século XIX, o franquismo aprobou en 1958 o desecamento definitivo da lagoa de Antela. Os argumentos esgrimidos eran, fundamentalmente, dous: a crenza de que as augas estancadas supuñan un foco de enfermidades e infeccións e o afán de intensificar a actividade agrogandeira da zona.

Porén, o paso do tempo deu a razón a quen se opoñían ao proxecto. "Fixeron unha rede de canles moi fonda e estreita", sinala Serafín González, en referencia á ineficiencia do desecamento para fomentar a agricultura extensiva. No verán, a profundidade das canles impedía que a auga alcanzase as raíces; no inverno, pola contra, a estreiteza das mesmas dificultaba a drenaxe e provocaba que os terreos asolagasen por completo.

Múltiples beneficios

González defende que esta zona húmida é imprescindíbel por diferentes motivos: "En primeiro lugar, ten unha grande importancia para mitigar o cambio climático, xa que actúa como sumidoiro dos gases que provocan o efecto invernadoiro ao captar grandes concentracións de carbono", salienta.

A zona húmida, así mesmo, "é unha esponxa natural que almacena e depura a auga para o abastecemento humano e o regadío". Por outra banda, o presidente da SGHN argumenta que a recuperación deste espazo achegará "beneficios socioeconómicos" á comarca da Limia e axudará a combater o "despoboamento das zonas rurais".

Finalmente, cómpre expor a "evidente importancia" da lagoa para a biodiversidade da contorna: "O desecamento provocou a extinción dunha decena de especies na Galiza, e a sequidade actual pon contra as cordas moitas outras", argumenta.

O futuro da lagoa

A SGHN, a través da sección de Antela, iniciou en 2011 un proxecto de restauración dun terreo de 20 hectáreas na Veiga de Gomareite, noutrora cuberta polas augas da lagoa nos invernos de intensas precipitacións. "É unha zona convertida en vertedoiro, e chegamos a un acordo co gandeiro local dono do terreo para recuperar a súa función, que asolague coa choiva unha parte do ano e que dea paso na primavera e o verán a un pasteiro para os animais", explica González.

Este proxecto considera "imprescindíbel" para o futuro da lagoa a actividade gandeira, mais non como se está a desenvolver hogano na meirande parte da comarca: "O terreo ten que ser pastoreado en extensivo, do modo tradicional, xa que axuda a manter con vida boa parte da poboación mundial do cardiño da lagoa, que está en perigo de extinción", apunta.

A actividade agrícola e gandeira extensiva, a diferenza da intensiva, permite a conservación de especies animais tamén ameazadas como a avefría europea (coñecida na Limia como choromica ou conícora), o sapo de esporóns ou a estroza (ou rela, ra das figueiras ou ra de Santo Antón).

Após anos de loita, Serafín González agarda que a lagoa volva erguerse como o corazón que bombea o sangue de toda a comarca da Limia.