Saúde

Día internacional contra o cancro de pulmón: a influencia do tabaco, o amianto e o radon e outros datos que descoñecías

O cancro de pulmón é o cuarto máis frecuente na Galiza. (Foto: Nós Diario)
A exposición indirecta ao fume do tabaco aumenta considerabelmente o risco de padecer enfermidades cardíacas ou pulmonares severas.
  1. A influencia do tabaco
  2. Mortes por tabaquismo
  3. O radon, segunda causa
  4. O 'cancro de amianto'
  5. Taxa de mortalidade e incidencia
  6. Os cartos tamén importan

Esta quinta feira conmemórase o Día Internacional de Loita contra o Cancro de Pulmón, un dos tipos de tumor maligno máis frecuentes e cunha maior taxa de mortalidade, se ben a prevención e a diagnose temperá poden contribuír enormemente á súa superación. Con motivo desta efeméride repasamos as principais características desta enfermidade.

A influencia do tabaco

Case un de cada cinco galegos e galegas (17,6%) fuma a diario tabaco, unha substancia que está asociada a máis dunha quincena de tipos diferentes de cancro e que é a causa directa de arredor de 30% dos casos totais de cancro, segundo datos da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) referidos ao pasado ano.

Mais os rexistros actuais son especialmente alarmantes entre as persoas de menor idade, pois, con base nos últimos informes da Fundación Tobacco Atlas, unha de cada catro rapazas galegas (25%) de menos de 15 anos consome tabaco, sendo a incidencia lixeiramente superior á dos homes nestas idades. Aliás, unha de cada nove rapazas adolescentes fuma a diario.

Mortes por tabaquismo

Segundo a AECC, o tabaquismo provoca unhas 54.000 mortes en todo o Estado español cada ano, das que arredor de 3.500 se producen na Galiza. De feito, o tabaco é o principal factor risco para desenvolver un cancro de pulmón.

Pero non só fumar constitúe un perigo importante para a saúde, pois a exposición ao fume do tabaco —as coñecidas como persoas fumadoras pasivas— aumenta en até 30% o risco de padecer enfermidades cardíacas ou afeccións pulmonares crónicas, como pode ser o mesmo cancro.

O radon, segunda causa

Após o tabaquismo, a exposición reiterada ao gas radon constitúe a segunda causa de cancro de pulmón. Até 70% do territorio galego supera os niveis máximos permitidos deste gas radioactivo.

"Non todas as persoas expostas a este gas desenvolven un cancro, mais si existen máis posibilidades de que ocorra", sostén o investigador Alberto Ruano. O experto indica que na Galiza véñense elaborando moitos estudos ao respecto co obxectivo de reducir o contacto co radon, como substancia de risco, nos postos de traballo.

O 'cancro de amianto'

O tabaquismo non é a única causa do cancro de pulmón, pois ten tamén un peso relevante, especialmente na Galiza, a exposición continuada ao amianto, material altamente tóxico e prohibido hai dúas décadas. Segundo a asociación Agavida, nos últimos dez anos morreron unhas 200 persoas no país a conta de cancros derivados desta substancia.

O tumor maligno provocado polo amianto actúa de forma silenciosa, pois pode tardar até 20 anos en manifestar os primeiros síntomas. Entra ao corpo por inhalación: as súas fibras deposítanse nas vías respiratorias e os pulmóns, onde poden permanecer durante anos.

Taxa de mortalidade e incidencia

Segundo o último informe da Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC), o cancro de pulmón é o que presenta unha maior taxa de mortalidade (21,6%), seguido do colorrectal (15,6%), o de páncreas (6,9%), de mama (6,1%) e de próstata (6,5%).

A súa incidencia é maior entre homes (10,1% de entre os diferentes tipos de cancro) que entre mulleres (6%), sendo, a nivel xeral, o cuarto máis común a nivel xeral no conxunto do Estado español (10,1%), malia que en todo o planeta é o máis frecuente e mortal (11,6% de incidencia e 18,4% de mortalidade).

Os cartos tamén importan

A AECC pon o foco tamén nas diferenzas existentes en función do nivel socioeconómico de cada persoa, pois estima que un cancro, entre impostos directos e indirectos, produce un custo superior a 10.000 euros en 41% dos casos ao longo do tratamento da enfermidade.

Tamén sinala que existe unha maior porcentaxe de mulleres diagnosticadas de cancro con "malestar psicolóxico significativo" (45%) fronte aos homes (27%), ao tempo que lamenta que "máis de 90% das comunidades autónomas —entre elas Galiza— non ten atención psicolóxica especializada ou é insuficiente".