Xuízo do Alvia

A sentenza do accidente do Alvia, máis perto: chega a recta final do xuízo co maquinista e o cargo de Adif no albo

Fiscalía e vítimas piden para Andrés Cortabitarte, de Adif, e Francisco Garzón, o maquinista, catro anos de cárcere. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Para ambos os únicos acusados piden catro anos de prisión. Esta terza feira comeza a última fase do proceso xudicial para determinar as responsabilidades penais e resolver as indemnizacións ás vítimas.

O xuízo para determinar responsabilidades penais e resolver sobre as indemnizacións polo accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) o 24 de xullo de 2013 encara a súa recta final a partir desta mesma terza feira. Nun principio, esta última fase durará até o próximo 27 de xullo, cando fará dez anos a traxedia ferroviaria máis grave da historia recente de todo o Estado español, que supuxo 80 mortes e deixou outros 145 feridos na curva da Grandeira.

Esta terza está reservada para documental e conclusións, con "necesidade de asistencia de todas as partes". O fiscal, as acusacións populares e as defensas dos axuizados deberán comunicar se manteñen ou modifican o trasladado no seu día. Tanto a Fiscalía e a plataforma de vítimas piden catro anos de cárcere para cada un dos dous acusados, o maquinista Francisco Garzón e o ex director de Seguridade de Adif Andrés Cortabitarte. Pola súa parte, as defensas rexeitan responsabilidades e piden a libre absolución.

A piques de facer dez anos o sinistro

Case dez anos despois do tráxico sinistro, as vítimas e os seus familiares relataron os danos sufridos en sede xudicial, en numerosas sesións do xuízo decorridas desde o mes de febreiro até a semana pasada. Neste proceso buscan a reparación non só en termos económicos, senón tamén, con máis énfases en boa parte dos casos, cunha sentenza que ditamine sobre o que pasou.

No banco dos acusados sentan dous homes: o maquinista Francisco Garzón —traballador de Renfe— e o ex director de Seguridade de Adif —o administrador ferroviario— Andrés Cortabitarte. Dúas empresas públicas cuxos representantes legais (Avogacía do Estado só defende a Adif) e tamén as súas respectivas aseguradoras (QBE e Allianz) manteñen un duro enfrontamento nas dúas vertentes do xuízo.

A Garzón e a Cortabitarte atribúenselles 80 delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave. A titular do xulgado do penal número 2 de Santiago, Elena Fernández Currás, está vinculada polas acusacións, que exercen tanto o representante do Ministerio Fiscal, Mario Piñeiro —que é fiscal xefe da área santiaguesa—, como as acusacións populares —as dúas asociacións de vítimas: plataforma e Apafas— e mais a representación de afectados a título particular.

Catro e catro anos para os acusados

O fiscal e tamén a plataforma de vítimas solicitan catro anos de cárcere para cada un, en relación coa condución do maquinista e coa análise de riscos á que estaba obrigado o no seu momento director de seguridade de Adif. Tamén se lles imputa un delito de danos. As vítimas expresaron nunha asemblea o seu sentir maioritario respecto de consideraren "máis responsábel" Cortabitarte que Garzón. No entanto, entenden que a actuación como plataforma debe decidila o seu avogado, Manuel Alonso Ferrezuelo.

Individualmente, só algunhas vítimas como a ex deputada do PP Teresa Gómez Limón materializaron esa distinción no seu escrito de acusación, pedindo catro anos para o ex director de seguridade de Adif e dous para o maquinista.

Unha sentenza "que satisfaga"

O denominado principio acusatorio é o que explica que a xuíza non poida introducir algo novo. A iso referiuse de forma máis ou menos explícita nalgunha ocasión ante as interpelacións das vítimas, do mesmo modo que respondeu, por exemplo, ao pai dun mozo falecido nas vías que manifestara que ansían unha condena "exemplar" para que non haxa quen volva asinar "en barbeito".

Fernández Currás chegou a asegurar que a súa "intención" e até o seu "desexo" é que haxa unha sentenza ao final do xuízo que satisfaga os prexudicados por este sinistro ferroviario. A maxistrada non poderá entrar en cuestións coma se existía ou non dolo eventual no comportamento do ex director de Seguridade de Adif, como perciben as vítimas, ou no ataque contra o dereito dos traballadores que sufriu o maquinista segundo alega o seu avogado. O que si podería facer é remitir oficio á Fiscalía se considera que hai outra ou outras persoas que teñen responsabilidades penais.

Máis de sete anos de instrución

O apartado das atenuantes terá peso nesta recta final do xuízo, que arrinca nesta terza feira coa exposición de conclusións. Decorridos dez anos, cabe esperar que se apliquen as dilacións indebidas, "non sería raro", segundo sinalan as fontes expertas consultadas. O seu impacto debe responder a unha "certa proporcionalidade" e a xuíza debe ter en conta a complexidade da causa que acumula "máis de 50.000 folios a dobre cara", como ela mesma encargouse de lembrar ás partes, así como que o atraso non fose motivado polo ou os acusados.

Botando a vista atrás, a instrución durou máis de sete anos, con dous peches frustrados e un definitivo en setembro de 2020. A investigación levárona dous xuíces —Luís Aláez e Andrés Lago— e por no medio houbo atrasos provocados por requirimentos a Adif para que achegase documentación, un erro na dirección ao enviar o xulgado un escrito a Europa e até sospeita de plaxio nalgúns informes. Outro factor que pode atenuar a pena, en caso de haber condena/s, é o da confesión, que si se produciu por parte do maquinista. De feito, o seu letrado apela á reparación do dano co seu perdón ás vítimas para reclamar a libre absolución.

A previsión é que o xuízo polo sinistro do Alvia conclúa o próximo 27 de xullo, unha vez pasado o décimo aniversario, cando as vítimas renden homenaxe aos falecidos na curva e levan as súas reivindicacións ás rúas da capital galega. Por iso, a sentenza estará como pronto no outono, despois dun mes de agosto que é inhábil para a xustiza. O que tarde depende de cada xuíz, aínda que é esperábel que Fernández Currás avanzase desde que, alá por outubro de 2022, comezase a xulgar o accidente ferroviario máis dramático da democracia española.

Semellanzas co caso do metro de València

Un caso con paralelismos é o do accidente do metro de València, en 2006, cun balance de 43 persoas falecidas e outras 47 feridas. Foi xulgado en 2020, tivéronse en conta como atenuante as dilacións indebidas e tamén a houbo por confesión tardía. Alí, houbo acordo de conformidade antes do inicio do xuízo e o sinistro saldouse con catro ex directivos de Ferrocarrils da Generalitat Valenciana (FGV) condenados. No xuízo do Alvia este momento xa pasou e non cabe que teña lugar.

Precisamente Andrés Cortabitarte, un dos dous acusados polo descarrilamento na Grandeira que ocasionou 80 mortes, foi perito xudicial do accidente do metro de Valencia.