25% da poboación galega é maior de 65 anos

O devalo demográfico aínda é reversíbel

Xente camiñando pola rúa dunha cidade galega. (Foto: Arxina)

O inverno demográfico galego é unha consecuencia dos problemas estruturais da Galiza. Malia que os datos non convidan ao optimismo, a experiencia doutras nacións confirma o seu carácter reversíbel. A solución está na política.

Os datos son claros. Segundo significan Xosé Constenla e Xosé Antonio Vázquez, no período 1998-2017 “a caída demográfica prodúcese en 243 municipios, isto é un 77% do total e escapan a ela unicamente pequenas porcións do territorio”. Así as cousas, 164 concellos galegos perden máis do 20% da súa poboación, 54 máis do 30% e algúns como Dozón, San Xoán de Río, Chandrexa de Queixa, A Teixeira, Agolada, Muras, Navia de Suarna, Montederramo, Rodeiro, Beariz, Ribeira de Piquín ou Covelo máis do 45%. Só 25 concellos, situados na práctica totalidade na área metropolitana das cidades, escapan a esa tendencia.

A pirámide demográfica asusta. A poboación galega maior de 65 anos representa 25% do total e duplica a porcentaxe dos menores de 16 anos, até o punto de non superar estes o 12% do conxunto do censo en 244 municipios. Ao tempo, as persoas en idade de xubilación superan as menores de 30 anos en 233 concellos galegos, significan o 40% do número total de residentes en 78 localidades e superan o 50% en Calvos de Randín, Gomesende, O Irixo, Lobeira, San Xoán de Río, A Teixeira, Verea e O Bolo. As excepción son, unha vez máis, as áreas metropolitanas das principais cidades do Eixo Atlántico e algunhas localidades costeiras das Rías Baixas.

O INE indica que, de manterse a tendencia actual, Galiza pode perder entre 2018 e 2033 un total de 138.799 residentes

As previsións non dan pé ao optimismo. A este respecto, as proxeccións demográficas do Instituto Nacional de Estatística (INE) para o período 2018-2033 indican que, de manterse a tendencia actual, Galiza pode perder até esa data 138.799 persoas, isto é, o 5,3% da súa poboación e ficar en 2.564.491 residentes. Atendendo a este informe, o saldo vexetativo, diferenza entre o número nacementos e mortes, tamén é negativo até sumar 98,9 falecidos máis que nacementos por cada 1.000 habitantes. Segundo o catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rubén Lois, “estes estudos do INE destacan pola súa fiabilidade e rigor técnico”.

As causas do inverno demográfico

A profesora da Universidade de Santiago María Cadaval sinala en conversa con Nós Diario que “a caída da natalidade, o incremento da esperanza de vida e a retroalimentación das entalladuras na pirámide de idades causada polos movementos migratorios dan como resultado unha estrutura demográfica avellentada e con escasa renovación xeracional”. Na mesma liña, entende que “demografía e economía están ligadas estreitamente e os seus efectos son bidireccionais. Por unha banda, as perspectivas sobre crecemento económico e as rendas salariais afectan ás taxas de natalidade e aos movementos migratorios e, por outra, as tendencias da poboación teñen consecuencias de calado sobre a marcha da economía”.

A poboación galega maior de 65 anos duplica a porcentaxe de menores de 16 anos

Rubén Lois, en declaracións a Nós Diario, sitúa a causa do problema demográfico actual nas “emigracións masivas das décadas dos sesenta e setenta, que non teñen efectos inmediatos, e no afundimento do vello complexo agrario”. Nesa mesma dirección, Xosé Constenla e Xosé Antonio Vázquez destacan como na década de 1960, cando Galiza tiña 30.000 habitantes máis que agora, “se produce o grande cambio demográfico”, sucedéndose desde aquela “episodios de estancamento, redución e leves recuperacións, que se tornaron xa nun descenso en todas as provincias a partir de 2011”.

O panorama demográfico actual non se pode separar, tampouco, do desmantelamento do complexo agro gandeiro, asociado ás consecuencias de integración no Mercado Común e á reestruturación agraria no espazo da Europa comunitaria. A economista da USC, María do Mar Pérez Fra, en conversa con Nós Diario afirma que “a situación actual pon en evidencia o proceso de reestruturación agraria. Isto provoca unha perda de emprego na agricultura que non vai acompañada doutras alternativas laborais no rural. Un factor fundamental para min é non contar cun sector potente na agroindustria,”.

Unha estratexia para inverter a tendencia

O Foro Económico da Galiza é moi activo neste debate. A pasada cuarta feira fixo público un documento elaborado por Xosé Carlos Arias, Domingo Docampo, María Cadaval e Francisco Armesto titulado Galicia 2040. Dinámica demográfica e cambio de paradigma. Novos escenarios da xestión social do envellecemento, onde formula unha estratexia para inverter a tendencia demográfica, aproveitando as potencialidades da actual estrutura de poboación galega. Segundo Cadaval, “o informe ten o reto de analizar as principais tendencias que cabe esperar para a economía e a sociedade nun horizonte a longo prazo en tempos de transformación profundas”.

Só 25 concellos, situados na área metropolitana das cidades, non perden poboación

“Nada é irreversíbel nin definitivo”, sinala María Cadaval, quen lembra que “outras nacións conseguiron mudar estas tendencias. Por exemplo, Francia e Suecia após aplicar unhas potentes políticas de conciliación e de aposta polo sistema educativo público conseguiron pasar dunha taxa media de reprodución de 1,2 a 1,9 e de 1,2 a 1,8 respectivamente”.

Se queres seguir lendo esta información, da que fornecemos un extracto, atoparála no número de Nós Diario dispoñíbel hoxe nos quiosques. Tamén podes conseguila para a súa lectura na nube nesta ligazón. Aínda non es subscritora ou subscritor? Soluciónao facendo clic aquí