Parlamento

A lei de impulso demográfico da Galiza chega ao Parlamento

A oposición salienta que esta norma non concreta orzamento, calendario de acción nin medidas
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).
photo_camera O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).

A lexislatura con menos leis aprobadas remata cunha acumulación de propostas normativas que agora protagoniza a que será a primeira lei de impulso demográfico que se aprobe no Estado. Unha norma que sairá adiante grazas á maioría absoluta do Partido Popular que iniciou o seu debate á vez que a Xunta pechaba a sala de partos do hospital de Verín e que agora comeza o seu trámite parlamentar con toda a oposición en contra do seu enfoque e da falta de orzamento.

Consello da Xunta deu luz verde ao texto da Lei de impulso demográfico da Galiza que agora comeza o seu trámite parlamentar, para resultar finalmente aprobada debido á maioría absoluta que ostenta o Partido Popular. O presidente da Xunta reivindicou onte que o primeiro político no país en falar de demografía foi o ex presidente Manuel Fraga, falecido hai oito anos. "Hoxe esta lei é máis necesaria que nunca",  salientou, para engadir que a sociedade galega "sabe que o primeiro problema estrutural do país é o declive demográfico que levamos acumulando nos últimos corenta anos".

Así, Feixoo apuntou que esta norma, pioneira no Estado, servirá de "marco" a todas as Administracións públicas galegas "e a este Goberno do Estado e os que veñan". Deste xeito, o presidente galego explicou que o texto lexislativo vai dirixido a quen non ten fillos por carecer do nivel de ingresos e da estabilidade laboral desexada ou da capacidade de conciliación familiar e laboral, dous supostos que recolle a enquisa de fecundación do Instituto Nacional de Estatística.

"O obxectivo é que se unha familia quere ter un fillo, todas as Administracións nos orientemos para que o económico e o laboral non sexan un problema", aseverou. Esta lei de impulso demográfico tivo serias alegacións por parte do Consello Económico e Social (CES), presidido polo ex conselleiro Agustín Hernández,  que criticou que no texto abundaban "meras declaracións de intencións e compromisos moi xenéricos" e que se estaba a "perder a oportunidade" de dar "resposta efectiva ás intencións que reflicte a lei".

Porén, Feixoo destacou que o texto finalmente aprobado inclúe "o 80% das alegacións do CES" e buscará "o mesmo consenso" no Parlamento da Galiza. "O investimento anual que prevemos para todos os programas son 800 millóns de euros. Aí entran todas as propostas que van enfocadas transversalmente en todas as Consellarías. Desde unha sala de lactancia nun centro público até a tarxeta benvida, duplicar as prazas de escolas infantís e garantir a súa gratuidade a todas as familias que teñan máis dun fillo. É un enfoque transversal e novo", sostivo o presidente galego, quen agradeceu a colaboración do Observatorio galego de dinamización demográfica, que se constituíu "para axudar a decidir e testar" este proxecto lexislativo.

Sen "orzamento" nin "cronograma" á vista

A lei de impulso demográfico vaise abordar nas vindeiras sesións plenarias do Parlamento da Galiza, mais os grupos da oposición xa coñecen as liñas básicas do seu contido e non coinciden no fondo nin na forma. A deputada do PSdeG Noela Blanco explicou  a Nós Diario que esta norma chega "con moita filosofía e moi poucas medidas". "Coincidimos co CES e sabemos que non se fixeron reformas nin de fondo nin de calado no texto lexislativo. Ademais, din que hai 800 millóns de orzamento cando iso equivale ao presuposto total da Consellaría de Política Social para 2020, de onde vai saír ese diñeiro?", cuestionou a socialista.

Noela Blanco salientou que a norma non conta cun "cronograma" e recolle medidas "que xa estaban en marcha e non están a funcionar". Así mesmo, apuntou que "non está garantida a permanencia dos servizos básicos do rural". Neste sentido, a deputada socialista fixo fincapé na "incongruencia" e "hipocrisía política" de tramitar esta lei á vez que se pechan servizos en hospitais comarcais como o de Verín. "Había unha boa oportunidade, pero ao final é publicidade e propaganda", lamentou.

"Estamos cansas de tanta lei de propaganda absoluta", afirmou a Nós Diario a portavoz do Grupo Común da Esquerda Luca Chao, quen agarda a ver como se concretan os cambios no texto a partir das alegacións do CES: "Veremos cales son esas consideracións, pero seguro que non corrixiron o enfoque natalista e familiarista que responsabiliza as mulleres".

Chao sostivo que esta norma debería "centrarse en mellorar as condicións laborais, na perda de emprego e na igualdade salarial", así como incluír "medidas que permitan a conciliación e corresponsabilidade dos coidados" blindando os servizos públicos "non como fixo Feixoo".

O Bloque Nacionalista Galego criticou a "pouca ambición" desta primeira lei de impulso demográfico que chega a un Parlamento no Estado. "Analizarémola con detalle pero tememos  que, como eles mesmos indicaron, se trate dunha ordenación das medidas xa postas en marcha polo Goberno, incidan en presentar plans que non teñen memoria económica. De entrada, para este orzamento do ano 2020 non hai partidas que fagan un cambio nas políticas da Xunta", indicou a deputada Montse Prado a Nós Diario.

A nacionalista lamentou as políticas "natalistas" que figuran no texto lexislativo: "Non se pode resumir o problema da demografía nun problema de natalidade. A natalidade é un síntoma. O problema fundamental é a ausencia de emprego, a precariedade, a falta de expectativas de vida, a imposibilidade de emanciparse da xente nova... Unha auténtica lei de impulso demográfico ten que partir dun cambio totalmente de modelo das políticas económicas da Xunta, un modelo que poña a Galiza a producir".

"Un brinde ao sol" e "unha oportunidade perdida". Así define o portavoz de En Marea, Luís Villares, esta lei que pretende atallar a crise demográfica galega. "Quedan fóra da lei o recoñecemento da educación universal de 0 a 3 anos, que cumpre unha importante función de conciliación da vida persoal e laboral das nais e pais; e tamén o dereito á fecundación asistida ás mulleres entre os 40 e os 45 anos, unha medida especialmente demandada xa que existen máis nais na Galiza nesta franxa de idade que menores de 25 anos", dixo o tamén líder do Grupo Mixto na Cámara galega.

Pola súa banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, trasladou que se dan "un ano" para "elaborar a normativa que desenvolva e aplique os artigos" desta lei e que o "espírito construtivo" que mantiveron no período de exposición pública do texto será "permanente" no debate parlamentar que agora comeza. A conselleira destacou que entre as novidades que recolle esta norma demográfica figura a "prórroga da tarxeta benvida até os catro anos para as familias vulnerábeis" e a "creación dun comité de ética de servizos sociais da Xunta".

Comentarios