Detido por violencia machista Luciano Méndez, o profesor da USC que apoiou 'La Manada'

Vai ser xulgado esta cuarta feira após ser detido pola Garda Civil.

Luciano Méndez, profesor da Universidade de Compostela coñecido por unha serie de vídeos colgados en redes sociais nos que apoiaba 'La Manada' e criticaba a vítima, foi detido esta segunda feira por un presunto delito de violencia machista. Vai ser xulgado esta cuarta feira.

 

A detención produciuse por axentes do posto da Garda Civil de Brión, segundo informaron fontes consultadas por Europa Press. Segundo diversas fontes, tería tirado ao chan a súa parella. Non é o primeiro arresto de Luciano Méndez. En xuño do ano pasado xa foi detido por delitos de lesións e atentado á autoridade após agredir dous axentes da Policía Nacional nun altercado en relación co vehículo do profesor.


No seu día, a USC abriu un expediente informativo a Luciano Méndez, quen, pola súa banda, reafirmouse nas súas declaracións de apoio a 'La Manada' en vídeos en redes sociais. O expediente informativo aberto pola USC foi remitido a Fiscalía para que investigase se das súas declaracións poden derivarse actuacións penais. Non se lle impuxo ao docente ningunha sanción, xa que as consideracións foron feitas nun marco privado.


Luciano Méndez tamén foi obxectivo das críticas e denuncias do estudantado despois dos seus comentarios machistas sobre o escote dunha alumna. Varias concentracións pediron que non seguise a dar aulas na universidade.