Fora sancionado por comentarios sexistas

Un profesor da USC pide a “libre absolución” para a Manada

Captura do vídeo do profesor da USC Luciano Méndez Naya.

O profesor de Económicas da Universidade de Santiago Luciano Méndez Naya vén de defender “a libre absolución” da Manada, condenados a nove anos de prisión por “abuso sexual” nas festas do San Fermín de Iruña en 2016. Faino nun vídeo pendurado na súa páxina persoal de Facebook.
 

O vídeo, que contabiliza máis de 15.000 visitas, inclúe unha serie de afirmacións arredor da sentenza, os xuíces e o “feminismo radical” en que menospreza a vítima acúsaa de “parvadas”. “A muller déixase facer evidentemente e disfrta”, chega a dicir Méndez Naya, antes de asegurar que non viu as gravacións sobre o suceso pero si leu o ditame da Audiencia de Nafarroa.

 

O profesor, que en 2016 foi sancionado pola universidade despois de que varias alumnas denunciasen os seus comentarios sexistas nas aulas, cualifica de “esperpento social” as protestas do feminismo pola sentencia e fala de que entre os xuíces “houbo un pacto”: “Dixeron 'non podemos condenar a rapaza, que é o que había que facer, hai que cumprir coa profesión e co histerismo social'. Tiveron medo da presión social e eu condeno os xuíces que actúan así”.

 

Nos dez minutos de presuntos argumentos que duran as imaxes, Méndez Naya defende o maxistrado Ricardo González, quen emitiu un voto particular en que pedía a absolución dos condenados. “Foi el quen defendeu a xustiza de verdade”.

 

O profesor da Universidade de Santiago pecha a súa intervención afirmando estar a prol de que “se endurezan as leis” por delitos de agresión sexual “mais por outras cousas”. “Hai que ser duros cos falsos denunciantes”, di, “e se a lei é moi dura cos homes, vai haber mulleres que se aproveiten”.

 

A Universidade de Santiago de Compostela condenou o vídeo de Méndez Naya e anunciou a apertura dun "procedemento interno".