Piden a inhabilitación dun profesor da USC polos seus comentarios sexistas

[Imaxe de arquivo / UDC]

O docente dixo que o desconcentraba o escote dunha alumna e días despois na prensa que "hai vestimentas inapropiadas para a clase".

"A min vai seguir alterándome un escote excesivo (disto si que non me avergoño nadiña)". Nestes termos se pronuciaba Luciano Méndez, profesor da Facultade de Económicas da USC, após ser denunciado por 6 alumnas polos seus comentarios sexistas na aula. 

"Se fose machista daríache unha labazada"

Méndez dixo que o desconcentraban "o ruído dos bolígrafos e o escote de María", unha alumna, quen retrucou o comentario e mesmo decidiu abandonar a aula perante a insistencia do profesor na súa actitude. "Xa che dixen o primeiro día que me desconcentraba o teu escote", repetiu o docente, "empéñaste en traer escote até o embigo". 

Neste senso, lonxe de se amosar arrepentido polos comentarios pronunciados Luciano Méndez publicou un artigo de opinión no xornal La Voz de Galicia no que aseguraba que "hai vestimentas inapropiadas para a clase" e confirmaba que lle chegara a dicir á alumna que "se fose machista daríache unha labazada". Comentario polo que dixo pedir desculpas. 

"Hai vestimentas que considero absolutamente inapropiadas para asistir a unha clase de matemáticas", dixo o profesor

"Polo demais manteño con absoluta firmeza todas e cada unha das cousas que dixen ese día na aula. Hai vestimentas que considero absolutamente inapropiadas para asistir a unha clase de matemáticas, mírese como se mire. Ou ben cambiamos as regras do xogo, ou ben se modifican os patróns sexuais nos que somos educados, ou senón a min vai a seguir alterándome un escote excesivo (e disto si que non me avergoño nadiña)", recolle o artigo. 

Perante o acontecido, que foi denunciado na Secretaría Xeral da USC e está a ser investigado internamente, a Plataforma feminista galega exixiu através dun comunicado de imprensa a inhabilitación de Luciano Méndez. 

"Non só non hai arrepentimento duns feitos que xa son moi graves de por si, senón que, ademais, xustifica o que dixo, polo que consideramos que non pode seguir exercendo o docencia", sinalan. 

A Fiscalía di que non investigará de oficio o caso

Desde a Secretaría Xeral de Igualdade preguntaron á Universidade que medidas se adoptaron após a denuncia presentada polo alumnado, porén, até o momento unicamente foi cambiada de aula a estudante agredida mentres que o docente continúa impartindo materia. 

Pola súa banda, CC.OO exixía que a Fiscalía investigase de oficio o acontecido algo que rexeitou o Ministerio Público asegurando que se trata dunha cuestión circunscrita ao ámbito académico.