O detido por usar un 'lanzachamas' na protesta dos bombeiros en Ourense négao

Mobilización dos bombeiros comarcais ante a Deputación de Ourense. (Foto: FAC-USO)

Na súa comparecencia ante o xuíz asegurou que o que portaba era realmente "un equipo de respiración asistida e dúas bucinas, instrumentos cos que non é posíbel producir lume".

Un traballador do servizo de emerxencias do Carballiño vén de ser detido polo uso dun dispositivo a modo de 'lanzachamas' na protesta dos bombeiros comarcais da pasada segunda feira diante da sede da Deputación de Ourense, unha manifestación na que se rexistraron varios altercados. Un dos bombeiros sufriu importantes lesións no nariz por mor da forte carga policial.

O arresto tivo lugar na tarde desta cuarta feira, unha vez que o home foi identificado, e esta quinta pasou a disposición xudicial. O maxistrado acordou a súa liberdade sen ningunha medida cautelar mentres se investiga un presunto delito contra a orde pública.

A declaración do detido produciuse a porta fechada. Segundo explicou posteriormente o seu avogado, negou os feitos, asegurando que o que portaba era realmente "un equipo de respiración asistida e dúas bucinas, instrumentos cos que non é posíbel producir lume".

Ademais, na comparecencia ante o xuíz defendeu que "hai un vídeo onde se pode ver que el non está perto do lume" cando se produce a chama, senón que "está noutro sitio, metros atrás", precisou o letrado.

Esta sexta feira continuará o calendario de mobilizacións dos bombeiros cunha protesta fronte á Deputación da Coruña prevista para as 12 horas, e o día 31 deste mesmo mes ante a Deputación de Lugo.

Os bombeiros comarcais continúan exixindo a aprobación dun convenio colectivo a nivel autonómico, unificado para todas as provincias segundo a súa profesión, maior dotación de medios técnicos e maior dotación de recursos humanos, así como fixeza o emprego, de acordo coa doutrina do Tribunal Supremo de xaneiro de 2022.