Deteñen o bombeiro que usou un obxecto a modo de 'lanzachamas' durante a carga policial en Ourense

Mobilización dos bombeiros comarcais ante a Deputación de Ourense (Foto: FAC-USO).
Desde os sindicatos conformaron que non se trataba dun lanzachamas senón dun insecticida que entrou en combustión.

Esta semana tivo lugar unha batalla enfronte ao edificio da Deputación de Ourense, na cidade das Burgas, entre os bombeiros comarcais e a policía nacional após unha carga policial. Esta carga deixou varios bombeiros feridos, entre eles un profesional ao que unha golpe da policía lle partiu o nariz.

Durante a carga, nun vídeo de FAC-USO feito público por Nós Diario, un dos profesionais parece usar un artefacto do estilo dun ‘lanzachamas’ que produciu varias chamas de lume. Desde os sindicatos conformaron que non se trataba dun lanzachamas senón dun insecticida que entrou en combustión.

Nun comunicado, os bombeiros apuntaron que a concentración en Ourense, igual que a do pasado día 20 en Pontevedra, "responde ao fastío acumulado dos bombeiros, que ven como durante anos son ignorados polas administracións responsábeis".

"Esta carga feriu varios bombeiros que en actitude de defensa erguían as mans para protexerse, sumando un importante reconto de lesións de diferente gravidade nas súas extremidades superiores. No caso máis extremo, froito do golpe directo dun policía sobre a cara dun bombeiro, temos unha fractura múltiple de nariz e pómulo", denunciaron.

Detido no Carballiño

O profesional que uso dito insecticida foi identificado e detido no Carballiño esta quinta feira por parte do corpo policial. A el atribúenselle delitos de desordes públicas e atentado contra a autoridade. Prestará declaración nesta mesma xornada por estes delitos que se lle atribúen.