Deteñen unha veciña de Tui como presunta autora dos fogos que calcinaron 21 coches

Varias persoas observan algúns dos vehículos calcinados na madrugada desta segunda feira en Tui. (Foto Gustavo de la Paz / Europa Press)
O alcalde tudense pide prudencia e respecto á investigación

Un total de 21 vehículos foron calcinados nesta madrugada no casco vello de Tui, na comarca do Baixo Miño. A Garda Civil detivo pola tarde unha veciña da vila como presunta autora dos incendios ao ser identificada a través das cámaras de seguridade. As primeiras informacións indican que todo sinala a unha disputa familiar, mais a investigación non descarta outras hipóteses. Previsibelmente, a muller pasará hoxe a disposición xudicial.

Pouco antes das 4 horas da mañá unha persoa alertou de que había tres vehículos ardendo na Praza da Armada. A partir de aí, o Centro Integrado de Atención de Emerxencias comezou a recibir numerosas chamadas desde diferentes rúas do casco antigo da vila describindo unha situación similar. Ao longo da xornada foron trasladados ao lugar diversos corpos de bombeiros tanto da Galiza como de Portugal.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica a este xornal que até que se coñeceu a identidade da presunta autora dos feitos había "moita preocupación" porque podía pensarse que fora un "problema de seguridade serio". Nesta liña, Cabaleiro sostén que este “foi un suceso que causou moita alarma” polo que “cómpre chamar á calma e á prudencia. Aínda non temos clara cal foi a natureza do feito” engade o alcalde, quen pide respecto ás investigacións que se están levando a cabo.

Pola súa parte, Helena Pousa, veciña de Tui afectada polos incendios e colaboradora de Nós Diario, explica que un dos seus coches quedou “totalmente calcinado” e outro “salvouse grazas a que uns veciños espertaron e botáronlle auga”. “Aquí non sentimos nada”, indica Pousa, que vive na zona alta da vila. Sostén que foi un feito “moi calculado” xa que só queimaron os coches que estaban aparcados nas prazas reservadas para residentes. 

“Parece ser que usaron un coche para facer o traxecto; a xente sentiu un vehículo que pasaba a gran velocidade por rúas da centro histórico”. Mais para poder circular cun coche polo casco vello, é preciso, segundo indica Pousa, unha tarxeta que só posúen os residentes. “Sabemos que usaron un líquido inflamábel”, engade a veciña, cuxo coche que non ardeu de todo está a ser investigado polo corpo de policía para analizar as substancias usadas no incendio.

 Só queimaron os coches que estaban aparcados nas prazas reservadas para residentes.

Reunión da veciñanza de Tui co Concello

Esta noite, a veciñanza de Tui reunirase co Concello para resolver dúbidas. Segundo sostén o alcalde, “a preocupación da Administración local é ver de que instrumentos podemos dispor para axudar a veciñanza afectada”. Moitos usaban o coche como único medio para desprazárense polo que, desde o Concello, están analizando “como paliar esta situación a curto prazo co uso dun automóbil e, despois, ver de habilitar fondos propios para axudar a xente a mercar un novo coche”.