Redondela convértese no cuarto concello do país en rexistrar presenza de mosquito tigre

Exemplar de mosquito tigre. (Foto: Nós Diario).
Redondela súmase a Moaña, Vigo e Cangas como integrante do comité técnico do mosquito tigre, que se reunirá esta quinta feira por vía telemática, segundo trasladou a Administración galega nun comunicado.

A presenza de mosquito tigre no municipio de Redondela (comarca de Vigo) foi confirmada, co que xa son catro os concellos galegos, todos da área metropolitana de Vigo, nos cales foi documentada a existencia desta especie.

A identificación foi posíbel grazas á colaboración cidadá a través da aplicación 'Mosquito Alert', o que permitiu que os técnicos das universidades de Vigo e Santiago que participan na Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisíbeis por Vectores (ReGaViVec) confirmasen que se trata dun mosquito aedes albopictus.

Deste modo, Redondela súmase a Moaña, Vigo e Cangas como integrante do comité técnico do mosquito tigre, que se reunirá esta quinta feira por vía telemática, segundo trasladou a Administración galega nun comunicado.

A Consellaría de Sanidade agradece a colaboración veciñal para vixiar a presenza destes insectos, que son vector de enfermidades como o virus do dengue, en chinkungunya ou o Zika.

O Goberno galego aclara que ningún dos exemplares achados até a data desde que o primeiro fora identificado en Moraña a comezos do mes de agosto era portador dalgún dos virus mencionados.

"Pautas sinxelas"

Así, recomenda "pautas sinxelas" como como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións cun simple baleirado ou coa renovación da auga cada catro ou cinco días.

Ademais, Sanidade habilitou recentemente unha entrada na súa páxina web que recolle o programa de xestión integrada do vector mosquito tigre, cuxa finalidade é evitar ou reducir o impacto, presenza e expansión deste insecto no territorio galego.