As augas residuais de España e Portugal: con presenza "moi elevada" de éxtase

Imaxe da rede de estudo das augas residuais, que atopou altas concentracións de éxtase nalgunhas mostras. (Foto: USC)
A rede española de análise destas augas, na que traballa tamén a Universidade de Santiago de Compostela (USC), afirma que detectou cantidades máis altas do normal desde que comezou a pandemia.

Non hai dúbida de que a pandemia cambiou as formas de actuar e os hábitos da cidadanía, mais os equipos de investigación aínda están a descubrir datos que son toda unha sorpresa. Un grupo no que colabora a Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaba de revelar que desde que o coronavirus convive coa poboación detecta "eventos puntuais de presenza moi elevada de éxtase nas augas residuais".

Fontes da USC afirman que, na xornada de difusión dos resultados da rede española de análise de augas residuais con fins epidemiolóxicos (ESAR-Net), comentouse a evidencia de que, ademais, a "cocaína e o cannabis son as drogas que máis sobresaen" no Estado. A primeira, en concreto, xera un negocio ilícito que oscila entre os 3.000 e os 6.000 millóns de euros.

Na xornada para conmemorar os tres anos de existencia da rede, a investigadora da institución académica compostelá, Rosario Rodil, debullou os resultados preliminares da análise de augas para ver o impacto da Covid-19 no consumo de estupefacientes.

Rodil subliñou que non houbo "grandes cambios" no consumo, malia que nas pesquisas si rexistraron eventos puntuais de presenza de concentracións "moi elevadas" de MDMA (éxtases), quer en España, quer en Portugal.

A súa compañeira Rosa de Llanos, vinculada á Universidade Jaume I, concretou a metodoloxía empregada en Castellón mediante a medida do ARN de fragmentos do virus, onde, en palabras da USC, "está a verse claramente como a carga de restos virales vai en aumento na auga residual nesta segunda onda da pandemia".

Alcol e tabaco

A estimación de consumo de tabaco e alcol foi outro dos temas abordados por Ester López, do IDAEA-CSIC. "Para ambas as sustancias atopouse, en xeral, unha boa correlación con outros indicadores, aínda que a vantaxe de analizar a auga residual é o que permite discernir cambios a nivel local e cun alto valor complementario", resumiron desde a Universidade de Compostela.

Neste ámbito, estimouse que o consumo medio de alcol ao ano é de 5,7 litros de etanol puro por cada habitante maior de 15 anos. O consumo medio de tabaco extrapolouse até dar coa conta de 2,2 miligramos de nicotina diarios, o que equivalería a 2,8 cigarros por persoa e día.