Oregón descriminaliza a posesión de pequenas cantidades de heroína

Catro Estados aprobaron o uso recreativo da marihuana, e xa son 16 os territorios do país onde se permite, coincidindo coa xornada electoral nos EUA.
cannabis_california
photo_camera California, na imaxe, é un dos 16 territorios dos EUA onde é legal o uso recreativo da marihuana (Adam Jones / Wikimedia Commons)

A xornada electoral nos Estados Unidos non só serve para decidir a Presidencia do país ou a representación, tamén se aproveita para impulsar referendos sobre distintas cuestións. En total, na terza feira, votáronse un total de 120 propostas de lexislación estatal ou de emendas constitucionais en 32 Estados. Por exemplo, a legalización do uso recreativo da marihuana, que foi apoiado polos votantes dos Estados de Arizona, Montana, Nova Jersey e Dakota do Sur.

Estes catro súmanse a outros once Estados e mais á capital do país, Washington DC, que xa abriran a porta ao uso recreativo da marihuana. En total o consumo desta droga, de forma recreativa, está permitido nun total de 16 territorios dos EUA.

Por outra banda, en Mississippi os votantes aprobaron unha iniciativa con vistas a crear un programa para o uso medicinal da marihuana en determinados pacientes, desbotando a versión que apostaba polo seu uso só en caso de enfermos terminais. En total, hai 18 Estados onde se autoriza o uso da marihuana con fins medicinais e noutros 13 , cun contido limitado de THC, principal constituínte psicoactivo do cannabis. Tan só en dous Estados de todo o país a marihuana é ilegal: Idaho e Nebraska.

Ademais, na capital Washington DC, os electores deron luz verde tamén á despenalización do uso, distribución e comercio dunha serie de plantas e cogomelos alucinóxenos.

Cocaína e metanfetamina

Ademais, o tradicionalmente progresista Oregón converteuse no primeiro Estado en descriminalizar a posesión de  drogas duras como a heroína, a cocaína ou a metanfetamina, aínda que só en pequenas cantidades. En concreto, 1.227.819 votantes (58,84%) votaron a prol da medida, por 858.874 (41,16%) que o fixeron en contra. 

En concreto, a iniciativa ─que entrará en vigor a partir do 1 de febreiro do ano que vén─ o que fai é reclasificar a posesión de pequenas cantidades destas drogas (un gramo no caso da heroína, dous no da cocaína) como unha falta e non como un delito. Isto é, similar a unha infracción de tráfico. 

Así, en caso de ser detido cunha pequena cantidade destas drogas duras, o infractor será sancionado cunha multa de 100 dólares (85 euros), que pode ser evitada se acepta a participar nun programa sanitario para tratar a adición. En calquera caso, a produción e venda destas drogas continúa a ser considerada un delito.

En Oregón, ademais, tamén se aprobou o uso medicinal dos cogomelos alucinóxenos.

Aborto

Noutras iniciativas lexislativas, posíbeis restricións ao aborto foron votadas en Luisiana e Colorado. No primeiro, os votantes aprobaron unha medida que afirma que non hai un dereito constitucional ao aborto neste Estado. Isto pode ter especial importancia se o Tribunal Supremo anula a decisión que autoriza a interrupción do embarazo a nivel nacional.

Pola contra, en Colorado, con 59,1% do votos, saíu derrotada unha proposta para prohibir os abortos tras 22 semanas de xestación, agás que a vida da embarazada estea en perigo. Propostas similares xa fracasaran neste Estado en 2008, 2010 e 2014.

Colorado é un dos sete Estados do país, canda Alaska, Nova Jersey, New Hampshire, Novo México, Oregón e Vermont, onde o aborto está permitido sen prazos de xestación. Nos EUA, o aborto é legal desde 1973, mais está limitado polas leis estatais.

Comentarios