Brote na Mariña: Detectados 12 positivos máis, que elevan a cifra de persoas contaxiadas a 47

Dúas persoas permanecen ingresadas (Europa Press)

Dúas persoas con resultado positivo están ingresadas no Hospital Público da Mariña. Algo máis de 500, permanecen en seguimento no seu domicilio.

A Consellería de Sanidade informa que, nestes momentos, segundo as probas realizadas até esta mañá, confírmanse outros doce casos positivos de persoas afectadas por covid-19 no brote de A Mariña, o que eleva a 47 o número total de casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

O primeiro caso de infección por covid-19 detectouse na tarde do 23 de xuño, no concello de Xove. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas. Ata o momento, mediante as probas realizadas (unhas 900 PCR ) confírmase a existencia de 47 positivos en covid-19 relacionados con este brote.

Dos 47 casos positivos, a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días.

 Dúas persoas con resultado positivo están ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable.  Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo, algo máis de 500, permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

A Consellería de Sanidade segue a investigar posibles contactos dos novos positivos que van xurdindo.