"Despropósito": a nai das crianzas asasinadas polo pai en 2015 critica as declaracións de Feixoo sobre a violencia vicaria

Acto de Alberto Núñez Feixoo en Santander. (Foto: Europa Press)
Feixoo, asumindo o discurso da extrema dereita coa que o Partido Popular (PP) acaba de firmar un acordo de goberno en Castela e León, afirmou que "xa temos problemas suficientes para montar máis dos necesarios".

Rocío Viéitez, nai das dúas crianzas asasinadas en 2015, en Moraña, polo proxenitor das pequenas, criticou duramente as declaracións do aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, sobre a violencia vicaria, nas que reduciu este tipo de violencia machista a "violencia intrafamiliar", a pesar de estar tipificada na lei galega de violencia de xénero aprobada en xullo de 2021.

Após a reunión da quinta feira entre os integrantes do Goberno galego en Lugo, Feixoo afirmou que a violencia vicaria pode ser considerada como violencia intrafamiliar, no canto de violencia machista. Como exemplo, identificou como caso de violencia doméstica que un home que teña "un problema coa súa parella" mate os seus fillos para facerlle o maior dano posíbel.

A declaración do dirixente popular chegou despois dunha pregunta sobre unhas palabras do conselleiro de Sanidade andaluz, Jesús Aguirre, quen se mostrou máis partidario de utilizar o termo "violencia intrafamiliar" que o de violencia machista.

Feixoo, asumindo o discurso da extrema dereita coa que o Partido Popular (PP) acaba de firmar un acordo de goberno en Castela e León, afirmou que "xa temos problemas suficientes para montar máis dos necesarios", en relación á definición da violencia vicaria, a pesar de que o Parlamento galego aprobou hai menos dun ano unha lei que recoñece a violencia vicaria como machista.

Resposta de Rocío Viéitez

Ante o alude de reaccións indignadas polas "inaceptábeis" declaracións do futuro presidente estatal do PP, o propio Feixoo tivo que matizar as súas palabras, aínda que mantivo a mesma mensaxe que horas antes trasladara aos medios.

Na súa conta de Twitter e en castelán, a pesar de facer as declaracións como presidente da Galiza, publicou o seguinte: "A Galiza sabe o que é que un pai asasine os seus fillos para danar a nai e non estaba considerado violencia de xénero. Por iso a Galiza cambiou a lei para recoñecer a violencia vicaria como violencia machista", pola proposta do Bloque Nacionalista Galego (BNG) para recoñecer este tipo de violencia como machista.

Pese ao seu intento de explicacións, a maior parte dos usuarios seguiron a criticar as súas declaracións. Entre elas Rocío Viéitez, a nai das dúas crianzas asasinadas en 2015 polo proxenitor das crianzas. O crime, ocorrido en Moraña, impactou na sociedade galega e reabriu o debate sobre a tipificación legal da violencia vicaria na Galiza.

Tamén a través de Twitter, Viéitez lamentou as declaracións de Feixoo e afirmou que "non pode agora matizar un despropósito de declaración e cun exemplo que sobraba".

Recriminoulle tamén a Núñez Feixoo que usase a primeira persoa do plural para falar dos asasinatos das nenas -o presidente dixo "Sufrimos un asasinato dunhas fillas polo pai"-. “'Sufrimos'? En serio? Violencia de xénero. Punto”, escribiu Viéitez. 

"Deixe de frivolizar"

As declaracións do presidente foron albo de numerosos reproches e críticas, tamén desde as forzas da oposición.  A portavoz do BNG, Ana Pontón, tamén se pronunciou ao respecto. "Rectificar cando se nega a violencia machista está ben, sobre todo a máis cruel que se exerce contra a vida dos nenos e nenas. Pero Feixoo debe desculparse con todas mulleres e deixar de frivolizar cun asunto tan serio", manifestou. A portavoz de Igualdade do grupo socialista,

Noa Díaz, anunciou iniciativas para pedir desde o Parlamento “unha reprobación pública das declaracións do presidente da Xunta”.

Opinión totalmente distinta é a do PP da Galiza que a través do seu secretario xeral, Miguel Tellado, defendeu o labor feito por Feixoo nestes anos "en materia de igualdade".