A desigualdade frea a presenza da muller nas áreas STEM e demora o avance científico

Nas universidades da Galiza, só un 41% do persoal docente e investigador é muller. (Foto: Europa Press).
Hoxe, 11 de febreiro, conmemórase o Día da Muller e a Nena na Ciencia.

catro de cada dez persoas investigadoras nas universidades galegas son mulleres, segundo datos da Unidade de Muller e Ciencia da Galiza. Nese mesmo ámbito, o da educación superior, as mulleres son maioría entre o alumnado, alcanzan 55% das matrículas. Con todo, a súa presenza diminúe a medida que avanzamos na cadea de toma de decisións e que nos achegamos a áreas concretas de coñecemento.

Só 27% das persoas matriculadas en carreiras de enxeñaría e arquitectura son mulleres e apenas unha de cada catro cátedras en investigación, tecnoloxía e innovación está ocupada por unha muller.

Segundo o último informe Científicas en cifras, elaborado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, referido ao ano 2021, os datos apuntan un retroceso de estudantes e investigadoras en áreas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, polas súas siglas en inglés), "un descenso especialmente preocupante en enxeñarías e tecnoloxías", como non se advertía desde hai anos.

"Como visibilizamos tanto a desigualdade que existe no ámbito STEM, especialmente en postos de liderado e responsabilidade, parece que estamos a mellor ou que é algo que se vai solucionar co só, co tempo. Pero os datos indican todo o contrario". 

María Mayán, investigadora xefa de grupo no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic) e coordinadora do grupo Muller e Ciencia da Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular, apunta "un empeoramento do que xa advertiu a presidenta da Comisión Europea" e que exixe medidas activas para promover a presenza da muller. 

Efecto espello

Mayán chama atención sobre a perda de mulleres nas primeiras etapas da carreira científica nas áreas STEM. "Hai 25 anos que isto non pasaba, algo non estamos facendo ben". Pero tamén sobre a ausencia de mulleres en postos directivos, "en profesións onde a ocupación feminina mesmo sobrepasa 70%". Pon como exemplo o ámbito sanitario. "Temos dereito a tomar decisións na nosa área de traballo e non só a facer o traballo de fondo. Isto é importante para mellorar a propia produtividade pero tamén porque as nosas crianzas precisan referentes femininos nos que mirarse, porque o efecto espello funciona", afirma.

Fenda de xénero

No ámbito STEM "onde non hai ningunha diferenza ou capacidade que a muller non teña fronte ao home", existe unha fenda de xénero que impide ás mulleres acceder a postos de liderado. Mayán sinala varias causas entre as que destaca a maternidade e os coidados, que supoñen "un baixón moi significativo en carreiras altamente competitivas".

É importante que haxa mulleres en carreiras científico técnicas porque a ONU calcula que para 2050 un 75% dos traballos estará relacionado coas áreas STEM

A corresponsabilidade e a educación están chamadas a marcar a diferenza, di a investigadora. Imprescindíbeis tamén á hora de combater os prexuízos e os nesgos de xénero que explican "por que as nenas a partir dos 6 anos se senten menos capaces de facer unha carreira científica". 

"As mulleres temos unha autoestrada máis longa que percorrer con moitos máis obstáculos que os homes para alcanzar un liderado que nos permita ser partícipes da toma de decisións" e dotar a ciencia de maior diversidade e perspectiva de xénero, afirma. Porque "ser unha persoa distinta, creativa, con outra forma de pensar é unha vantaxe competitiva á hora de xerar coñecemento".

Vocación científica para un futuro en igualdade

"A ciencia diversa, igualitaria e inclusiva é mellor ciencia" asegura Leonor Parcero, responsábel da Unidade de Cultura Científica e da Innovación do Instituto de Investigación Sanitaria Galiza Sur. "Pero tamén é importante que haxa mulleres en carreiras científico técnicas porque a ONU calcula que para 2050 un 75% dos traballos estará relacionado coas áreas STEM".

Serán os mellor cualificados e remunerados, advirte, polo que deixalos nun 80% en mans da metade da poboación suporía botar fóra do avance e do progreso un gran colectivo, que vai ter peores postos de traballo e menos medios económicos". Incentivar a vocación científica das mulleres impedirá unha desigualdade e unha fenda salarial maiores. Con todo, di Parcero, a problemática da muller na ciencia  non está só nas carreiras, senón tamén "na muller como obxecto de estudo".

Por outra parte, Parcero chama a atención sobre a visibilidade da muller na ciencia e enumera varios estudos que dan conta da escaseza de rostros e voces femininas.

"Un estudo de 2017 que analizou as imaxes de diarios estatais concluíu que aparecían menos imaxes de mulleres científicas que de homes por debaixo incluso da súa presenza real na actividade científica". As mulleres representaban entón entre un 25 e 39% do corpo investigado, pero só aparecían no 26% dos casos, e só 17% en imaxes sen homes, "a miúdo en imaxes de recurso".

Outro estudo, sinala, máis recente, "analizou as columnas de opinión e tan só o 21% estaban asinadas por mulleres, cun escandaloso 7% de temática científica". Con todo, tamén se están a dar avances. "Nos grandes eventos de divulgación presenciais, os de referencia, estase traballando moito por visibilizar as mulleres e hoxe son practicamente paritarios"

Actividades conmemorativas en todo o país

Foron diversas as actividades conmemorativas organizadas onte, na véspera do Día da Muller e a Nena na Ciencia. O Instituto Oceanográfico de Vigo realizou charlas en 70 centros educativos ao longo deste mes con científicas do propio instituto así como unha concentración ás portas da institución para reivindicar a igualdade na ciencia. Pola súa parte, o Teatro Principal de Pontevedra encheuse de público para escoitar sobre ciencia da man de Elena Vázquez Cendón.

O Instituto de Investigacións Mariñas tamén se une hoxe a esta conmemoración cun encontro sobre o papel da muller na ciencia no vigués café De Catro a Catro. A Real Academia Galega aproveitou a data para divulgar o legado de Ángela Ruiz Robles, Aida Fernández Ríos, María Wonenburger, Jimena Fernández de la Vega, Antonia Ferrín, Olimpia Valencia, Ángeles Alvariño e Elisa Fernández de la Vega.