Contracultura

Carme Fouces: "Á hora de facer divulgación científica e de saír ao escenario, predominan os homes"

Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, presenta o evento que terá lugar o 11 de febreiro para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia. Fouces conversa sobre Foto 51, o nome desta cita, inspirado no traballo de Rosalind Franklin, e sobre a situación actual das mulleres neste campo: "Salvo algún ámbito moi concreto, a maioría dos ámbitos científicos están moi feminizados".
Carme Fouces busca darlle a volta á situación das mulleres nos eventos científicos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carme Fouces busca darlle a volta á situación das mulleres nos eventos científicos. (Foto: Nós Diario)

—Desde hai varios anos, o Concello de Pontevedra pon especial interese no 11 de febreiro. Como xurdiron iniciativas como a de Foto 51?
Máis ou menos, hai seis anos comezamos a facer actividades máis modestas; inclusive na pandemia mantivémolas a través de videoconferencias con investigadoras que estaban no estranxeiro. Agora por fin nos vimos con forza para dar un salto e facer un evento máis ambicioso. Queremos pór enriba da mesa estas charlas, un formato que está tendo bastante sona, coa peculiaridade de que é ao contrario do que acontece na maior parte dos eventos que se están a facer. É dicir, hai unha porcentaxe moito máis alta de mulleres que de homes.

Non é un evento só de mulleres. O que pretendemos é darlle a volta a esas cifras cunha actividade mixta. E isto é así non soamente polo feito de dar visibilidade ás mulleres, que tamén, senón porque é a realidade. En xeral, salvo algún ámbito moi concreto, a maioría dos campos científicos están moi feminizados. Con todo, á hora de facer divulgación, de saír ao escenario e que o gran público escoite, a maior parte son homes. Que desde logo son magníficos e eu non teño nada que dicir, mais penso que vai sendo tempo de pór o foco nesta cuestión e de darlle a volta.

—Tamén chama a atención a diversidade de temáticas, porque en moitas ocasións cando se fala de ciencia faise referencia só a aquela que se fai desde o laboratorio.
Sendo a primeira vez que poñemos en marcha este formato, tiñamos un elenco bastante grande de persoas que poder achegarse de todos os ámbitos. Decidimos restrinxilo e ir ás persoas que xa están consagradas, que xa levan moito tempo facendo divulgación e que temos a garantía de que van facer unha boa charla.

Aínda así, quixemos dar espazo a persoas que falasen de cousas moi variadas e, a maiores, decidimos crear un pequeno espazo de concurso para nanocharlas. Así, convidamos a todo o mundo que queira achegarse, de calquera ámbito, a preparar un pequeno monólogo de dous ou tes minutos para presentalo. Se pensamos en xente novel na divulgación, pensamos en xente nova, mais tamén podemos levar unha sorpresa, porque é unha tarefa moi bonita á que tamén se achegan persoas maiores que xa teñen moita experiencia na ciencia e que están comezando a descansar dela ou que queren probar outras vías.

—Que diría que lle achega á sociedade este tipo de eventos?
Un dos obxectivos é achegar a ciencia dunha forma amena e divertida, o cal non quere dicir menos rigorosa. Por iso, mentres que o día 11 terán lugar máis de 13 charlas curtas e dinámicas, o día 10 queríamos organizar unha conferencia un pouco máis académica, aínda que igualmente destinada a todos os públicos. María Elena Vázquez Cendón é unha persoa moi relevante, unha matemática que vén de gañar o premio María Josefa Wonenburger e unha feminista que ten moito que dicir sobre o seu ámbito profesional, e é un luxo poder contar con ela para facer un encontro máis pausado.

Este tipo de eventos serven para facer pedagoxía, que a cidadanía poida ter lugares onde escoitar cousas sorprendentes e a persoas con autoridade e coñecemento para desmontar os mitos que hai, sobre todo ultimamente coas redes sociais. Non sei se este tipo de eventos pode espertar as vocacións, mais desde logo si que as pode ir alimentando e tamén é interesante que se coñeza a historia da ciencia, por iso faremos os roteiros pola pegada científica das mulleres en Pontevedra e por iso no cartaz anunciando as actividades puxemos: "Esta é unha interpretación da foto de Rosalind Franklin e se queres saber algo máis sobre a Foto 51 investiga".

Comentarios