Desestiman o recurso dos Franco contra o sobresemento da causa aberta aos '19 de Meirás'

Os '19 de Meirás' volveron ao pazo o pasado ano. (Foto: 19 de Meirás)
Porén, contra esta decisión aínda cabe recurso de apelación perante a Audiencia Provincial da Coruña.

O Xulgado de Instruccion número 2 de Betanzos vén de desestimar o recurso presentado contra o arquivo e sobresemento da causa aberta contra os integrantes do grupo coñecido como os '19 de Meirás', denunciados pola Fundación Francisco Franco e a familia do ditador.

Así o notifican os '19 de Meirás' en relación a unha denuncia que se presentou após aquela acción simbólica realizada no 2017 no pazo de Meirás para exixir a súa devolución ao patrimonio público.

Nun comunicado, os seus integrantes destacan a decisión do xulgado "reiterando o sobresemento e arquivo da causa". No entanto, lembran que, contra a mesma, aínda cabe recurso de apelación perante a Audiencia Provincial da Coruña.

Sobre a ocupación do pazo de Meirás, en 2017, reiteran que se tratou "dun acto simbólico" realizado en agosto dese ano "para reclamar o que é de xustiza: que o pazo ten que ser devolto ao pobo galego", sosteñen, sobre a demanda que os levou a protagonizar este acto.

"Por moito que os herdeiros da ditadura franquista tenten acalar a voz das e dos demócratas que denunciamos o espolio do franquismo non o van a conseguir", afirman tamén en relación aos bens da familia Franco obtidos durante esa etapa.

O pasado 19 de xullo as persoas que realizaran aquela acción simbólica voltaron ao pazo cando se facían catro anos da protesta. A consecuencia daquela mobilización, a Fundación Francisco Franco e os herdeiros do ditador presentaron unha querela contra os activistas no xulgados de Betanzos a día de hoxe pendente de resolver.

Unha situación diferente é a de Néstor Rego, cuxa causa se derivou  pola súa condición de aforado ao Tribunal Supremo, que determinou o arquivo da mesma, ao non atopar "carácter delituoso dos feitos suficientemente xustificado e ademais non alcanzar os indicios existentes de participación do aforado a mínima solidez exixida".