Desestiman o recurso do ex funcionario vigués condenado polo 'caso enchufe'

Acusados polo 'enchufe' da cuñada de Carmela Silva no xulgado. (Foto: Nós Diario)

A Audiencia dálle cinco días para entrar en prisión

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou un auto no que desestima o recurso de súplica presentado por Francisco Javier G.O., ex funcionario do Concello de Vigo, condenado a máis de 5 anos de prisión por 'enchufar' nunha contrata do Concello a unha cuñada da tenente de alcalde e ex presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. O tribunal provincial dá un prazo de 5 días ao condenado para que ingrese en prisión.

O recurso de súplica foi presentado despois de que a Audiencia Provincial decidira que, tras máis dun ano, o indulto solicitado por este ex funcionario debía darse por desestimado e, por tanto, non cabía manter a suspensión da execución da pena de prisión.

Xa entón, en abril, a sala deu un prazo de 5 días a Francisco Javier G.O. para que entrara no cárcere, pero esa entrada quedou paralizada pola presentación desta súplica.

A defensa do condenado argumentaba entón que, a pesar de que transcorrera un ano desde que se pediu o indulto, non podía considerarse desestimada a solicitude, porque o Ministerio de Xustiza non certificara que a petición fora rexeitada.

No auto do 27 de xuño, a Audiencia desestima ese último recurso, explicando que "non cabe apreciar que a resolución recorrida incorrera en defecto legal e/ou procesual algunha, nin que poida falarse dun dereito ao indulto, que haxa de dar lugar a unha espera indefinida, algo contrario a unha elemental seguridade xurídica".

Por iso, a sección quinta acordou desestimar o recurso de súplica, e sinala que o penado ten 5 días para ingresar voluntariamente en prisión, prazo que conta desde o momento en que sexa notificado, "procedéndose en caso contrario, mediante o auxilio dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado".

Condena

O ex funcionario foi condenado a 5 anos e 3 meses de prisión, ademais de 9 anos de inhabilitación polos delitos de prevaricación, malversación de fondos públicos e falsidade documental, mentres que o xerente da empresa que contratou á familiar de Carmela Silva foi condenado a 1 ano e medio de cárcere, e a 2 anos de inhabilitación.

Os feitos teñen a súa orixe na contratación desa persoa, que cobrou en total máis de 100.000 euros das arcas públicas, por uns traballos que nunca realizou (enquisas e informes para o servizo de Participación Cidadá).

Ambos solicitaron o indulto parcial e, no caso do ex funcionario, dita solicitude estivo rodeada de polémica porque, entre os argumentos que utilizou para pedir a medida de graza, ademais da súa idade, a súa falta de antecedentes ou o abono da responsabilidade civil, tamén apuntou a súa militancia no PSdeG e a súa pertenza a UXT.

A polémica incrementouse ao facerse público que varias decenas de entidades veciñais, sociais e culturais de Vigo, que reciben subvencións por parte do Concello, remitiron cartas de adhesión a esa petición de indulto, todas coa mesma redacción. O PP insinuou nese momento que as asociacións estiveron premidas pola contorna do Goberno municipal para remitir eses escritos e apoiar o indulto do ex funcionario.