O Colexio de Xornalistas critica as "graves limitacións" de Caballero á "liberdade de prensa"

O equipo do rexedor asegura que "non hai ningunha acción contra ningún xornalista"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O alcalde de Vigo, Abel Caballero, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

O Colexio de Xornalistas fixo público un comunicado no que reprende o alcalde de Vigo polas "graves limitacións á liberdade de prensa" por parte da Alcaldía olívica e o seu gabinete, e no que reclama a Abel Caballero "que elimine as trabas ao labor informativo" dos profesionais.

A entidade trasladou ao rexedor olívico as queixas de profesionais da comunicación "que manifestan que, desde a Alcaldía de Vigo, obstaculizouse o seu traballo xornalístico" e pediulle "que se tomen as medidas necesarias para eliminar estas graves limitacións á liberdade de prensa".

O decano do Colexio, Francisco José González Sarria, remitiu a pasada semana ao rexedor, en representación da Xunta de Goberno do Colexio, unha carta para expresarlle a "preocupación" deste órgano polas "queixas de xornalistas por recibir trabas ao seu labor informativo por parte do gabinete de prensa da Alcaldía da cidade olívica".

En concreto, referiuse ao caso dun xornalista colexiado que recentemente denunciou ante o Colexio que "leva meses sufrindo silencios ás súas preguntas, denegación de acreditación e outros obstáculos" por parte dese gabinete, que lle impediron realizar "de maneira adecuada o seu traballo".

"A isto súmanse outras queixas recibidas polo Colexio sobre desplantes e desprezos aos e ás xornalistas por parte do alcalde Caballero en distintas conferencias de prensa", continúa o comunicado.

"O Colexio de Xornalistas lembra ao alcalde de Vigo que estas prácticas constitúen unha gravísima limitación á liberdade de prensa e ao dereito a informar", sinalan e instan a Caballero a eliminar esas "trabas", de maneira "que todos os profesionais poida levar a cabo o seu traballo de maneira libre".

Resposta do Concello

Ante este comunicado, o Concello de Vigo respondeu con outro escrito remitido aos medios no que o Goberno local "nega con rotundidade que se lle poñan trabas nin problemas a ningún profesional da comunicación".

"En todo caso, o Goberno local si quere aclarar que non hai ningunha acción contra ningún xornalista, e así o acreditan os 16 anos nos que o alcalde de Vigo vén comparecendo de forma habitual", proclamaron fontes municipais.

Finalmente, lamentou que o Colexio "non incluíu no seu comunicado a versión do Goberno de Vigo ante as acusacións dun profesional". Así mesmo, tras recoñecer que a Alcaldía recibira un escrito deste órgano "esixindo explicacións", desde o goberno vigués puntualizaron que ese requirimento fíxose "sen achegar documento algún" para que o Concello se poida pronunciar "con rigorosidade". "Unha vez coñecida toda a información, responderáselle ao caso concreto ao que fai referencia e do que non se facilitaron ningún tipo de datos", conclúe a nota.

Críticas do BNG

O grupo municipal do BNG sumouse ás críticas ao alcalde e, facendo referencia ao comunicado do Colexio de Xornalistas, reclamou a Caballero "o fin do réxime de excepción que impón co seu talante antidemocrático e cada vez máis autoritario".

O portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, tachou de "inaceptábel" o comportamento do rexedor "contra" os xornalistas e a "reiterada obstaculización" ao seu traballo. "É gravísimo e non existen precedentes no Concello de que o Colexio de Xornalistas teña que advertir oficialmente de que se producen prácticas que constitúen unha gravísima limitación á liberdade de prensa e ao dereito a informar", indicou.

Igrexas advertiu de que "hostilizar" a profesionais "que se atreven a preguntar" supón levantar "un muro de opacidade para que a cidadanía non coñeza o que realmente pasa no Concello". Así mesmo, vinculou eses "obstáculos" cun "comportamento xeral e continuado en contra da transparencia, da pluralidade e a participación", porque "a Caballero moléstanlle as preguntas incómodas" e "ten unha grave alerxia á democracia".

Comentarios