O deseño galego dáse cita no seu primeiro festival

Marcos Dopico é autor de tipografías de Nós Diario.

#follow20 é o nome do primeiro festival de deseño galego, que arrinca a próxima segunda feira, día 9 de novembro, na Coruña para reunir o máis destacado do tecido profesional nesta materia.

Da segunda á sexta feira A Coruña será epicentro do deseño galego grazas ao festival follow20, un novo proxecto que reúne o tecido profesional galego. Con palestras presenciais e telemáticas, o festival organízase ao redor de catro seccións.

En Stories presentaranse os microdocumentais de deseñadoras e deseñadores galegos; en Conversas decorrerán as charlas temáticas entre creativas e creativos galegos; o Showroom preséntase como un escaparate dixital de creacións galegas e o Creative Camp fará unha revisión dixital de portfolios dirixida a estudantes e novos profesionais.

Entre as persoas participantes destaca a presenza do tipógrafo Marcos Dopico, autor das tipografías Atlántica Serif Display, Máis Grotesk e Isacc que emprega Nós Diario en papel. Tamén participarán o infografista Artur Galocha, os deseñores gráficos Uqui Permui e Dani Bembibre e a directora da Escola de Deseño e Moda da Galiza, Lola Dopico.

Tamén tomarán a palabra, entre outras, a directora de arte Lucía García Rey, a marca de moda infantil The Campamento, a ceramista Verónica Moar, a axencia de deseño Costa, a axencia tipográfica NM Type, o deseñador gráfico de orixe italiana Marco Oggian e o seu colectivo Flaco, o deseñador de iluminación Arturo Álvarez, o estudio de arquitectura Castroferro, o estudio de deseño DARDO e a Fundación  DIDAC.

Presencial

A sección presencial artellarase ao redor do Showcase, cunha serie de eventos paralelos e o programa dixital compleméntase coa exposición física #novodeseñogalego na Praza de Lugo da Coruña, que estará acompañada dunha carpa pola que pasarán diferentes deseñadoras e deseñadores para crear obras en vivo. 

Veranse traballos das Yarza Twins, deseñadoras viguesas afincadas en Londres, que acaban de gañar o Premio Nacional de Deseño 2020, ou de NM Type, galardoadas nos European Design Awards.

O Consello Asesor deste festival está formado porDavid Barro, codirector do estudo de deseño DARDO e director da Fundación DIDAC; Nuria Carballo, directora da axencia creativa Unconventional; Dani Bembibre, director da axencia de branding Costa; e Lola Dopico, directora de Esdemga.