Desconvocada a folga no hospital Povisa após un preacordo que inclúe unha suba sa-larial de 4 % para 2023

Protestas do persoal de Povisa (Foto: CIG)
O preacordo foi ratificado pola asemblea de traballadores e traballadoras do centro.

A folga prevista para a próxima semana, do 17 ao 20 de abril, no hospital Povisa de Vigo foi desconvocada, segundo informou o sindicato CIG, após alcanzarse un preacordo para o convenio colectivo, que inclúe unha suba salarial de 4 % para este ano e suba do IPC real para 2024.

Empresa e comité estiveron negociando ao longo da xornada desta sexta feira e conseguiron achegar posturas nalgunhas "cuestións importantes", como a suba salarial.

Ambas as partes déronse de prazo até 31 de decembro para pechar o convenio na súa totalidade. O preacordo foi ratificado pola asemblea de traballadores e traballadoras e o comité desconvocou a folga prevista.

Entre os acordos alcanzados, está a redución de xornada (ao incluír a media hora de bocadillo como tempo efectivo de traballo, así como o tempo de cambio de quenda para o persoal de Enfermaría); o estabelecemento dun coeficiente redutor polo traballo nocturno de dúas horas por noite, cun máximo de 60 noites.

Ambas as partes déronse de prazo até 31 de decembro para pechar o convenio na súa totalidade. O preacordo foi ratificado pola asemblea de traballadores e traballadoras e o comité desconvocou a folga prevista

Tamén se acordou un aumento do plus de festivos e domingos (de 21 a 23 euros) e do plus de Noiteboa e Noitevella (até 173 euros, e con dereito a un día libre).

Ademais, pactáronse e melloras relacionadas coa introdución da carreira profesional, co establecemento da ultraactividade do convenio e co mantemento do plus de riscos para os novos traballadores.

A CIG, que preside o comité, valorou o preacordo e lembrou que as melloras se conseguiron após unha semana de mobilizacións, polo que agradeceu a "implicación" dos traballadores e traballadoras na defensa dos seus dereitos laborais.