Traballadoras de Povisa reclaman unhas condicións laborais "dignas"

Greve no servizo de limpeza do Abente e Lago.
Protestas do persoal de Povisa, onte en Vigo. (Foto: CIG)
photo_camera Protestas do persoal de Povisa, esta terza feira en Vigo. (Foto: CIG)

Centos de traballadores e traballadoras do Hospital Ribera Povisa de Vigo secundaron hoxe a convocatoria do comité de empresa e mobilizáronse ao berro de "o noso traballo merece mellor salario" para reclamar un "convenio colectivo xusto" que dignifique as condicións laborais. A protesta consistiu nunha concentración diante do centro médico, con posterior manifestación polas rúas adxacentes.

A seguinte cita reivindicativa terá lugar mañá no mesmo lugar. Desde o comité de empresa, presidido pola CIG, explicaron que para hoxe hai fixada unha nova xuntanza da mesa negociadora do convenio, após das dúas asembleas de persoas traballadoras.

"Se a empresa non achega unha proposta que satisfaga as pretensión dos traballadores e das traballadoras, as mobilizacións continuarán" advertiron. Ademais, indicaron que se iniciará unha folga dende o vindeiro día 17 até o día 20, e que pasará a ser indefinida a partir do 24. De feito, as partes pactaron hoxe os servizos mínimos que rexerán durante o paro.

Folga do persoal de limpeza do Abente e Lago

Por outra parte, o persoal do servizo de limpeza do Hospital Abente e Lago tamén se mobilizaron hoxe no inicio dunha folga indefinida para reclamar a readmisión das cinco empregadas e empregados despedidos e denunciar a sobrecarga de traballo que padecen.

"Lacera fíxose co contrato o pasado 1 de febreiro e a primeira medida que adoptou foi non subrogar a cinco persoas que teñen recoñecido este dereito e cuxos postos de traballo figuran nos pregos de condicións", criticaron desde a CIG.

Despois dos múltiples intentos das delegadas e da CIG-Servizos de falar coa concesionaria, “a día de hoxe seguimos sen saber nada da empresa, está desaparecida e non hai ningún representante con capacidade de decisión con quen falar”, denuncia o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Pérez.

Comentarios