As novas medidas entrarán en vigor na madrugada da cuarta á quinta feira

O descontrol da pandemia agrava as restricións

En cor morada, os tres concellos con maiores restricións; en cor vermella, os 116 municipios no nivel 'máximo' de alerta (Infografía: Nós Diario).
Sanidade suspende as competicións de deporte federado e suma 56 concellos ao nivel máximo de restricións. En Arteixo, Viveiro e Xinzo fecha a hostalaría e prohíbe toda actividade non esencial.

A Xunta da Galiza acordou esta terza feira, após o encontro mantido co comité clínico, endurecer as restricións en boa parte do país con motivo da escalada de contaxios que se está a producir desde que comezou 2021 e que, polo de agora, semella estar fóra de control.

Os diferentes medidores que empregan os expertos para tomar medidas contra o virus rexistraban a terza feira cifras moi alarmantes. O dato que máis preocupa aos expertos é a incidencia acumulada (IA) a 14 días. Hoxe é de 485 contaxios por cada 100.000 habitantes (case o dobre do limiar de 250 que aconsella o Ministerio de Sanidade), mais o pasado 5 de xaneiro, hai apenas dúas semanas, a cifra era de 209.

A taxa de positividade fica por riba de 5% recomendado pola OMS desde o Nadal

Tamén cómpre salientar a elevada taxa de positividade (relación entre o número de positivos e as probas PCR realizadas), que os últimos días roldou 10% e se mantivo por riba de 5% recomendado pola OMS desde o comezo das festas natalicias. Así mesmo, o número reprodutivo básico (R0) situábase esta terza feira en 1,4, o que significa que cada doente de coronavirus pode contaxiar a enfermidade a entre unha e dúas persoas

 "A situación é preocupante, hai un claro crecemento e queremos anticiparnos con estas novas medidas", matizou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que xustificou o aumento dos contaxios alegando que os efectos das restricións aprobadas a pasada semana non se poderán percibir "até pasados 15 días".

Ao fío desta cuestión, instou a poboación a "respectar" a normativa vixente para deter o avance da pandemia: "A mobilidade debe ser mínima, só para o imprescindíbel, e temos que intentar evitar as reunións con persoas non conviventes, porque é o que máis nos axuda a diminuír o risco de transmisión", expuxo.

72% da poboación, en alerta máxima

Por todo isto, a Xunta anunciou que 56 concellos pasarán esta madrugada a engrosar a listaxe de municipios no nivel extremo de alerta sanitaria, o que provocará o seu feche perimetral e a prohibición á hostalaría de dar servizo nos espazos interiores. Si poderán atender no exterior, mais o conselleiro advirte: "Lembramos que as terrazas só poden abrir con 50% do aforo, e o mellor modo de cumprir esta norma é deixando baleira unha de cada dúas mesas. Non nos preocupa ver xente en mesas de catro, coa máscara posta e mantendo a distancia, polo que se hostaleiros e cidadáns cumpren as normas, non teremos que endurecer as restricións", indicou.

En consecuencia, son xa 116 os concellos galegos coas máximas restricións, o que supón 72% da poboación total. Cómpre salientar a inclusión nesta categoría de Pontevedra e Vigo, que desde a semana pasada se atopaban fechados perimetralmente malia ficar no nivel medio-alto de alerta.

"Nestas cidades había inicialmente un goteo de casos sen cambio substancial na curva de crecemento, mais ambas as dúas teñen hoxe unha incidencia acumulada por riba de 300 e unha taxa de positividade superior a 10%, polo que era preciso actuar", apuntou García Comesaña. Non acontece o mesmo con Lugo, que se manterá fechado sen aumentar as restricións.

Prohibida toda actividade non esencial en Arteixo, Viveiro e Xinzo

Os concellos de Arteixo, Viveiro e Xinzo, que xa se atopaban desde a pasada sexta feira no nivel extremo, veranse a partir de mañá abocados a unha situación moi semellante ao confinamento, xa que os locais hostaleiros deberán fechar por completo e se suspenderá toda actividade non esencial (ximnasios, estabelecementos de xogo, espectáculos públicos, actividades culturais e bibliotecas). Con todo, seguirase permitindo aos bares e restaurantes o servizo de entrega a domicilio e a recollida no local. Tamén poderán abrir os comedores das escolas ou dos centros de traballo.

Os tres municipios presentaban unha incidencia acumulada a 14 días superior a 1.000

A Xunta decidiu aplicar medidas extraordinarias nestes tres municipios por teren unha incidencia acumulada a 14 días por riba do millar e unha poboación de máis de 10.000 habitantes. O responsábel de Sanidade salientou a "explosividade" coa que o virus se expandiu nestes territorios durante a última semana: "Queremos pór de manifesto que non tomamos decisións en base a datos illados, senón que valoramos diferentes cuestións, e neste caso era evidente que había que actuar", insistiu. Así mesmo, García Comesaña explicou que se aplicará este criterio "a todos os concellos que presenten as mesmas características".

Porén, Tui non se suma a estes tres concellos malia presentar unha incidencia de 1.083 casos. "Hai un gromo na residencia de maiores, e ao tratarse de persoas que non salen do centro nin se relacionan con ninguén non entrarían neste cómputo, polo que a incidencia de Tui sería de 556", concluíu.

Suspensión das competicións galegas de deporte federado

O Goberno galego tamén anunciou a suspensión temporal de todas as competicións de deporte federado no conxunto do país. As e os deportistas poderán seguir adestrando, mais deberán acollerse á normativa vixente para as actividades non federadas: adestramento individual ou en grupos dun máximo de catro persoas, e terán que respectar o toque de recoller e as restricións de mobilidade no caso dos concellos afectados polo feche perimetral.

Desta nova normativa quedan excluídos os campionatos de ámbito estatal, que seguirán a desenvolver con relativa normalidade "tanto a competición coma os adestramentos".

A respecto do deporte non federado, as restricións serán as mesmas que as aprobadas pola Xunta a pasada semana, mais o conselleiro afirmou que se están a estudar medidas para limitar o risco de infección nos ximnasios que poderían provocar o feche das duchas dos vestiarios.

Adiantar o toque de recoller

Por outra banda, a Xunta defenderá no Consello Interterritorial desta cuarta feira que o Estado permita aos territorios adiantar o toque de recoller máis aló das 22 horas. "Xa o baixamos o máximo que puidemos, e se tivésemos a opción de estabelecer outro horario non o descartariamos", expresou García Comesaña.

A terza feira tamén se pronunciou ao respecto o presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, quen apuntou que sería "bastante razoábel" permitir o toque de recoller arredor das 20 ou 21 horas, ou mesmo máis cedo, contra as 18 horas, se for preciso: "Se o obxectivo é salvar vidas e manter a actividade laboral e educativa, o lóxico é que, finalizado o traballo, a xente regrese á súa casa para evitar aglomeracións e un incremento de casos", argumentou.

Preocupación pola presión hospitalaria

O xerente do Sergas, José Flores, alertou tamén do potencial aumento das hospitalizacións desde que comezou o ano: "Nos últimos sete días houbo un incremento de 58% nos ingresos en planta e de 68% nas UCI. Galiza segue nunha posición privilexiada no tocante á ocupación, mais non por iso deixa de preocuparnos", afirmou.

Así mesmo, salientou o "crecemento progresivo" da porcentaxe de doentes atendidas en Urxencias por mor da Covid-19, "entre 20 e 30% das consultais totais", indicou, e "arredor de 4.000 chamadas ao día" en relación a esta enfermidade.

Entre 20 e 30% das consultas de Urxencias están vencelladas ao coronavirus

Manuel Vázquez Lima, xefe de Urxencias do Hospital do Salnés e membro do comité clínico, advertiu que "os hospitais comezan estar cheos, tamén as UCI, e iso ten repercusión en todos os niveis da atención hospitalaria", e pediu a poboación que "respecte as normas" xa que, de non facelo, a terceira onda será "peor" que a primeira. "Estamos ante unha situación moi seria e debemos extremar as precaucións", sinalou.

Esta terza feira, o número de ingresos ascendeu a 664 en planta (+29) e 114 na UCI (+10). Por áreas sanitarias, a máis afectada segue a ser a da Coruña, que sumou nove hospitalizacións e alcanzou as 203, das cales 36 se corresponden coa UCI. En segundo lugar atópase a de Compostela, con 100 persoas en planta e outras 20 en coidados intensivos (cinco e catro máis que a xornada anterior respectivamente). A terceira é a de Ourense, con 113 hospitalizadas (+15), oito delas en estado crítico (+2).

A área de Vigo, pola súa banda, rexistrou 111 hospitalizacións (+6), 21 das cales están na UCI. Séguea a de Ferrol, con 107 ingresadas (+7), once delas críticas (sen cambios). Por baixo da centena sitúanse as áreas de Pontevedra, con 78 doentes en planta (+1) e 11 en coidados intensivos (-2), e Lugo, a única cuxa presión non aumenta: 46 ingresadas (-4), das cales sete na UCI (sen cambios).