Unha semana por riba do milleiro de novos contaxios cada día

Un sanitario realiza un test PCR a un cidadán. (Foto: Europa Press)

Continúan aumentar casos activos e presión hospitalaria. A incidencia a 14 días abeira os 500 casos.

Son días de pagar as facturas da suspensión de medidas e restricións que facilitaron a mobilidade e as reunións nas datas de Nadal. Daqueles feitos, estas consecuencias. Galiza fai unha semana por riba do milleiro de novos contaxios cada día.

Os datos da Consellería de Sanidade a respecto da última xornada indican que houbo 1.183 casos novos, 970 deles detectados por PCR.

Non é o único sinal de que a situación continúa a ser preocupante: Os casos activos sitúanse en 14.075, o que supón 823 máis en 24 horas.

Na última semana a Covid matou 74 persoas

A isto hai que engadir que a presión hospitalaria non para de ir a máis e xa hai 778 persoas hospitalizadas por este virus: 664 en planta (29 máis ca onte) e en coidados intensivos, 114 (+10). A ocupación das camas de UCI supera xa o 40% ao estar en 41,6%.  

A taxa de positividade sitúase por riba do 12% e non debemos esquecer que o limiar que a OMS sitúa para poder dicir que a pandemia está en vías de control é de 5%.

A incidencia a 14 días é de 496 casos por cada 100.000 habitantes (con A Coruña, Compostela e Ourense superando ese limiar entre as cidades) e o número de persoas falecidas é xa de 1.536. Na última semana a Covid matou 74 persoas.