O desconcerto reina nunha xornada "non lectiva" mais de portas abertas nas escolas
A dificultade nas comunicacións que acompañou ao apagamento eléctrico que afectou esta segunda feira a península Ibérica, e do que parte do territorio non se recuperou até as primeiras horas desta terza, traduciuse en confusión para as familias e o persoal dos centros educativos e as escolas infantís da Galiza, sobre todo nas primeiras horas do día.
Nunha comparecencia convocada pouco antes das 21 horas deste 28 de abril, o presidente galego, Alfonso Rueda, anunciou a suspensión das aulas nos centros educativos e avanzou que tampouco habería actividade nas escolas infantís. A determinación da Xunta, en parte pola rede extensa de transporte escolar e con ánimo de aforrar combustíbel, segundo explicou o xefe do Executivo galego, era fechar os centros.
A decisión adoptouse cando se declarou o nivel 2 de emerxencia e aínda tiña o mando a Administración autonómica, pero pouco despois activouse o nivel 3 e a coordinación pasou a mans do Goberno. A directriz foi que, aínda sen actividade lectiva, os centros de ensino abrisen e acollesen o alumnado para facilitar a conciliación das familias.
Mensaxes contraditorias
Entre un anuncio e outro a maior parte do territorio galego mantívose baixo os efectos do apagamento, desconectado da rede eléctrica e telefónica. Moitas familias non descubriron até o amencer desta terza feira que a Xunta da Galiza decidira suspender as aulas máis o transporte escolar.
A noticia chegoulles a través do programa Abalar que os centros educativos utilizan para comunicarse coas familias. Varias notificacións informaban da decisión adoptada polo Cecopi, o Centro de Coordinación Operativa, que figuraba como remitente do aviso. "Cancelación da actividade lectiva por mor do apagamento xeral", rezaba o asunto. "Seguindo as medidas adaptadas polo Centro de Coordinación Operativa , debido á situación de apagamento xeral do 28/04/2025, comunícase a cancelación da actividade docente e o transporte escolar o día 29/04/2025".
Esta mensaxe, que informaba da suspensión da actividade escolar, foi interpretada por numerosas familias e docentes como un anuncio do feche dos centros de ensino por mor do apagamento e da situación de incerteza que se xerara nas horas previas, o que levou a moitos pais, nais e titores a improvisar solucións de conciliación.
Neste impasse, pouco antes das 8.30 horas, a Consellaría de Educación publicou nas súa redes sociais un aviso no que aclaraba que "aínda que non hai clases nin transporte escolar, os centros educativos permanecerán hoxe [29 de abril] abertos para que o alumnado poida acudir naqueles casos no que o precise por razóns de conciliación ou similares".
Desconcerto entre familias e profesorado
O anuncio desatou o caos entre alumnado, familias e profesorado, que consideraban contraditorias unha mensaxe e outra, separadas 12 horas de apagamento, dado que fallaban os teléfonos móbiles.
Moitos docentes non recibiron até a mañá desta terza as distintas directrices e practicamente á vez: a da pasada noite que determinaba a suspensión da actividade e a instrución que esta mañá clarificaba que debían estar abertos.
O mesmo pasou coas familias: houbo centros privados e concertados que avisaron ás familias de que os centros funcionarían e mantiveron mesmo servizos complementarios, como o de comedor. Pola súa parte, a rede pública autonómica notificou a apertura, sen transporte escolar nin servizo de comedor, dos centros a través da aplicación Abalar, máis non todas as escolas informaron desta apertura nin cosas mesmas palabras.
"O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ordenou onte [28 de abril] pola tarde a suspensión das clases. Máis tarde, ao pasar de nivel 2 a 3 de emerxencia, é o ministro Marlaska o que tomou a decisión, e sinalou que os centros permanecerán abertos para garantir a conciliación familiar. Polo tanto non haberá clase pero o equipo directivo estará no centro se as familias o necesitan", indicaban algunhas mensaxes aclaratorias.
Nun clima de desconcerto, os equipos directivos mobilizáronse e desprazáronse aos seus postos de traballo, mais isto non impediu que houbese incidencias puntuais nalgúns casos na entrada dos menores. Xa advertira a Xunta, á vez que pedía comprensión, que podía haber dificultades debido ás dificultades para comunicar as instrucións.
En todo caso, a confusión conduciu a que unha gran parte das familias que tiveron outra alternativa optasen por non desprazar as súas crianzas aos colexios, polo que a pauta, segundo fontes ligadas a distintos colexios, foi que fosen ás instalacións educativas "unha minoría". E mesmo neste caso, rapazada que optou por acudir á escola bateu con dificultades para acceder ao seu centro ao ter que lidar coa negativa do equipo directivo. Segundo trasladou a familia afectada, foi preciso a intervención dea Inspección Educativa para aclarar os usos previstos nunha xornada excepcional.
Críticas da CIG-Ensino
Desde o sindicato maioritario no sector, a CIG-Ensino, censuraron a "descordinación" do Goberno galego á hora de informar a familias e docentes a sabendas das dificultades de comunicación que supuxo o apagamento eléctrico.
Para o seu secretario nacional, Suso Bermello, "calquera das dúas decisións é razoábel, o que non se entende é a descoordinación". "A Xunta decretou o feche dos centros escolares, xa que á hora que o fixo non había certeza de recuperar a enerxía. A mesma Xunta pediu que fose o goberno central quen xestionase a crise. E ás 7.45 hora a Consellaría de Educación decatouse de que a normativa estatal ditaba ter os centros abertos". Segundo a CIG- Ensino tratouse dun baile de decisións contraditorias que incomodou tanto as familias como o profesorado.
Escolas infantís
Con todo, a maior confusión deuse nas escolas infantís, dado que a directriz de reapertura non chegou aos equipos directivos até avanzada a mañá. Houbo pais e nais que atoparon carteis de "escola fechada até este mércores" e notificacións de directoras que afirmaban que non se reiniciaría a actividade até o día seguinte.
A orde da Administración galega era que as escolas infantís da rede pública autonómica reabrisen na medida do posíbel ao longo da xornada, pero a súa loxística é, se cabe, máis complicada que a dos colexios, cun punto chave, o da alimentación dos bebés. Neste sentido, moitas escolas optaron por habilitar un "menú de emerxencia". Outras optaron por alimentos xa preparados.