Rueda solicita a declaración do nivel 3 de emerxencia e cede o control ao Estado

Tamén o solicitaron Andalucía, Comunidade de Madrid, Castela-A Mancha, Estremadura, A Rioxa, Rexión de Murcia e o País Valencià.
Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da Galiza)
O presidente Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, solicitou na noite desta segunda feira a declaración do nivel 3 de emerxencia no país -pola mañá decretara o nivel 2- por mor do apagamento xeral que afecta a península Ibérica, o que na práctica supón que o Goberno estatal asumirá o mando da xestión. Nestes momentos a subministración eléctrica segue sen restabelecerse na maior parte do territorio galego.

Unha petición que tamén formularon, até o momento, os gobernos de Andalucía, Comunidade de Madrid, Castela-A Mancha, Estremadura, A Rioxa, Rexión de Murcia e o País Valencià. O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, asumiu a responsabilidade dunha emerxencia estatal nos territorios mencionados.

Segundo a orde do Ministerio do Interior, o ministro é o responsábel de "dirixir a emerxencia, o que incluirá a planificación e coordinación das actuacións e a xestión de todos os recursos estatais, autonómicos e locais do territorio afectado, de acordo co artigo 30 da Lei 17/2015, do 9 de xullo".

O Ministerio do Interior explica que o Sistema Nacional de Protección Civil estabelece que as emerxencias de interese estatal inclúen, entre outras, "aquelas nas que é necesario prever a coordinación de diversas administracións públicas por afectar varias comunidades autónomas e requirir unha achega de recursos a nivel suprarrexional", así como aquelas que, polas súas dimensións reais ou previsíbeis, requiren unha xestión estatal".

Ademais, a mesma orde estabelece que, "dependendo da gravidade da situación, pode ser necesaria a colaboración de diversas administracións públicas con recursos mobilizábeis, mesmo se a emerxencia non afecta o seu territorio".

Comentarios