Os centros de ensino permanecen abertos malia a suspensión da actividade lectiva
A Xunta da Galiza enviou esta terza feira unha comunicación aos equipos directivos dos centros educativos da comunidade na que se ratifica que, seguindo instrucións recibidas polo Goberno do Estado no nivel 3 de emerxencia, estes deberán permanecer abertos. O obxectivo, segundo fontes consultadas por Europa Press, é que se poida atender "calquera incidencia". Porén, manterase durante todo o día a suspensión da actividade lectiva e do transporte escolar.
O mesmo tempo, a Consellaría de Educación publicou nas súa redes sociais un aviso a primeira hora desta mañá no que aclara que "aínda que non hai clases nin transporte escolar, os centros educativos permanecerán hoxe [29 de abril] abertos para que o alumnado poida acudir naqueles casos no que o precise por razóns de conciliación ou similares".
Aínda que non hai clases nin transporte escolar, os centros educativos permanecerán hoxe abertos para que o alumnado poida acudir naqueles casos no que o precise por razóns de conciliación ou similares
— EduXunta (@EduXunta) April 29, 2025
As familias, a través do programa Abalar, recibiran previamente unha comunicación desde os centros dando conta da "cancelación da actividade docente e do transporte escolar", mais sen referencia ningunha á apertura dos centros educativos a aquelas crianzas que o precisasen, o que as obrigou a resolver os coidados en tempo récord, debido á recuperación paulatina e tardía das comunicacións. De feito, moitas familias non tiveron coñecemento da suspensión das aulas até o amencer do propio 29 de abril, cando a Xunta aclarou que os centros deberían estar abertos.
O Goberno galego pediu "comprensión" ás familias, dado que algúns centros, apuntan as fontes consultadas, poderían non ter preparada a apertura para a primeira hora do día "debido á dificultade para estabelecer as comunicacións".
Suspensión
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou na tardiña da segunda feira a decisión adoptada no Centro de Coordinación Operativo Integrado (Cecopi) que xestiona os efectos do apagamento na comunidade que esta terza non haberá clases nos centros educativos da comunidade nin tampouco actividade lectiva nas escolas infantís.
Ademais, debido ao apagamento que afecta o territorio galego durante esta xornada tamén se suspende a actividade nos centros de día de maiores e de atención á discapacidade. Tampouco haberá actividade deportiva federada.
Rueda agradeceu a comprensión das familias e argumentou que a Galiza ten a rede de transporte escolar máis extensa de España, o que supoñería un importante gasto de combustíbel. "É necesario priorizar", remarcou, nunha comparecencia na que apelou, precisamente, a prescindir de desprazamentos innecesarios en aras a aforrar en combustíbel o máximo posíbel.