A descarbonización chega á Galiza unha década tarde

A plataforma Galiza sen carbón, que cumpre tres anos, céntrase agora no gas fósil (Foto: Nós Diario).
En tres anos, a produción de enerxía eléctrica a través da combustión do carbón pasou de 33% da xeración total a apenas 1,5%. A plataforma Galiza sen carbón celebra os avances na "descarbonización" do país, mais salienta que se produciu "sen unha transición xusta" pola inacción das institucións.

A plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón' naceu o 1 de decembro de 2018 co obxectivo de acelerar o proceso de descarbonización do país para reducir de forma considerábel as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI). Daquela a través do carbón xerábase un de cada tres megawatts (MW) de enerxía eléctrica na Galiza —32,9%—; hoxe, apenas supón 1,55% da produción de electricidade.

Con todo, desde a plataforma critican que a descarbonización se debese a "decisións empresariais" —polo fechamento das centrais térmicas das Pontes e Meirama— e non á acción das institucións: "Desde 2008 tiñamos a capacidade de abandonar o carbón ou convertelo en marxinal. Foi un atraso innecesario, e a demora tamén a marcou o mercado, malia que as institucións deberían ter planificado unha transición xusta desde o primeiro momento, e deste modo teríase evitado a emisión de millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro que permanecerán na atmosfera durante décadas", explica a Nós Diario o seu portavoz, Xosé Veiras.

O "colapso" do carbón permitiu que a Galiza reducise en 24% as emisións de GEI nas últimas tres décadas; porén, en 2019 emitíronse máis de 22,4 millóns de toneladas. "É crucial que ao longo desta década diminuamos en 65% as nosas emisións, e non vai ser tan doado como agora, que abondou con apagar as centrais térmicas para reducilos de forma significativa", engade.

Así as cousas, malia os avances na descarbonización, Veiras salienta que "máis de 60% do consumo enerxético na Galiza procede dos combustíbeis fósiles", o que supón unha "forte dependencia" das materias primas non renovábeis procedentes do exterior. "A descarbonización foi un primeiro e moi importante paso, mais queda aínda moito por avanzar na loita contra a emerxencia climática", di.

A "avalancha eólica" supera as previsións

Xosé Veiras considera imprescindíbel aumentar a aposta polas enerxías renovábeis para paliar esta situación, e apunta que a Galiza precisa "máis capacidade de produción e almacenamento". "Falta unha planificación axeitada, porque non se propoñen escenarios enerxéticos que nos permitan saber canta potencia renovábel precisamos. Cómpre facer as cousas de forma moi diferente, mais tamén é necesario avanzar rápido", matiza.

Neste senso, a plataforma veciñal Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo censurou onte que "só os proxectos eólicos solicitados en 2021 na Galiza suporían oito veces a xeración prevista por Rede Eléctrica de España (REE)" na súa proposta de desenvolvemento eléctrico 2021-2024.

Así, o documento sostén que se deberían instalar 2.693 novos MW no vindeiro lustro para cumprir os obxectivos do Plan nacional integrado de enerxía e clima (Pniec), malia que os parques en trámite "acadarían unha produción superior aos 15.000 MW".

E, á marxe da dependencia de combustíbeis fósiles no consumo, a Galiza xa exportou o pasado ano 30% da enerxía producida no territorio, contando a caída do carbón.