O parón das térmicas e de Alcoa acelerou a redución das emisións en 2019

O confinamento pola Covid-19 fixo que as emisións de gases de efecto invernadoiro quedasen reducidas á mínima expresión. Con todo, xa en 2019, a caída da actividade en empresas como Alcoa e as térmicas galegas provocou importantes avances na transición enerxética, tamén vencellados a unha maior eficiencia no emprego da enerxía. 
Factoría de Alcoa en Cervo (Arxina).
photo_camera 2020071609415512600

O 2019 foi un ano especialmente bo en materia de transición enerxética que estivo marcado por dous fitos que están detrás desta realidade. Dunha banda, a práctica eliminación total do carbón do mix enerxético e, por outra, da caída da demanda. 

A terceira edición do Barómetro de Transición Enerxética elaborado polo centro de investigación Economics for Energy, con sede en Vigo e no que participa a universidade viguesa xunto con grandes empresas como Alcoa, Iberdrola, Santander ou Inditex, recolle unha redución de emisións que, segundo as fontes empregadas, oscila entre 7,1% que marca Eurostat e 6,2% que estima o Goberno español.

Na presentación da análise, os directores de Economics for Energy, Pedro Linares, profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de ICAI, e Xabier Labandeira, catedrático de Economía na Universidade de Vigo, destacaron o descenso das emisións en relación ao Produto Interior Bruto (PIB) no Estado español, 10% en relación a 2018, o que supón unha tendencia máis positiva á observada no conxunto da Unión Europea e nun contexto en que o PIB tamén experimentou aumentos.

Como indicaron na presentación, non agardaban reducións nas emisións de gases de efecto invernadoiro "tan significativas", e máis tratándose dun ano "seco" no que a precipitacións se refire, un feito que condiciona a actividade das centrais hidroeléctricas e a súa achega ao mix en forma de enerxía renovábel.

No que coinciden os autores do informe é que gran parte deste descenso débese ao parón das centrais térmicas de carbón "por falta de competitividade económica" como consecuencia da baixada do prezo do gas natural e da subida do valor dos dereitos de emisión no mercado.

Neste senso, lamentan que detrás deste descenso non houbese tamén políticas públicas que contribuísen a consolidar esta baixada de forma máis estábel.

No que atinxe ao gasto enerxético relativo, este reduciuse pese ao incremento do PIB, e faino en maior medida que os prezos pola contención da demanda.

Eficiencia ou desindustrialización

O que os autores non teñen claro, até que non dispoñan dos datos, é se esa redución da demanda "responde a un aumento da eficiencia enerxética ou á desindustrialización", un aspecto que analizarán "máis adiante". 

Rede Eléctrica constatou o pasado ano unha caída da demanda da enerxía eléctrica por parte das empresas de 6,3%. Pedro Linares ten a "sospeita" de que este descenso estea ligado a temas de desindustrialización. "Parece estar relacionado con Alcoa, que é o maior consumidor de enerxía de España", apuntou.

Con todo, o profesor de ICAI sinalou que non só caeu a demanda eléctrica, "tamén a de gas". Por este motivo, prefiren ser "prudentes". "Paga a pena facer unha análise polo miúdo para ver que non se nos escapa algo", incidiu.   

Na presentación do documento tamén falaron das poxas de interrumpibilidade, que en 2019 experimentaron un cambio de réxime que supuxo unha baixada do custo dos bloques e da cantidade ofertada, o que penalizou as grandes consumidoras.

Do que se trata, dixo Linares, é de buscar un mecanismo que faga que o prezo da enerxía sexa accesíbel para estas empresas. "Se se deseña un mecanismo sinxelo e con poucas penalizacións o prezo será baixo".

Respecto dos prezos do pool (o mercado maiorista da enerxía) os expertos do centro de investigación opinan que "van baixar un pouco, pero non tanto como a xente cre". "Por moita renovábel que entre precísase gas, máis caro, xa que precisa cubrir os custos fixos", apuntan.

Un dos aspectos sobre os que máis chama a atención o barómetro é que cada vez fai falta menos reserva para integrar as renovábeis, ao que hai que sumar que as reservas eléctricas para garantir a seguridade de subministración experimentan un descenso superior a 60% desde 2010.

Marxe de mellora

Con todo, desde Economics for Energy resaltan que a intensidade enerxética do Estado español está aínda por riba da europea, polo que "hai marxe" para seguir reducindo as emisións. 

A este respecto, consideran que se deben empezar a ter en conta as exportacións e importacións de enerxía ─de nada vale fechar unha térmica para despois comprar enerxía ás de Marrocos─ para ver se a contribución "é positiva en termos globais ou un artificio estatístico". 

O feche de Meirama (Cerceda) é un paso máis na Galiza cara a esa transición. O problema é que, sen alternativas, o laboral será outro factor a ter en conta.

Comentarios