Desaire do Consello da Cultura ao eólico

Aeroxeradores nos arredores do Cabo Vilán, dentro da Rede Natura e ao carón dunha Zona de Especial Protección para as Aves, ZEPA (Foto: Josfor / Nós Diario)
Critica o actual modelo e pide paralizar e revisar os parques en trámite.

O Consello da Cultura Galega (CCG) valora "positivamente" a implantación da enerxía renovábel para a Galiza, porén "a maneira en que se está a desenvolver resulta negativa para ámbitos da nosa sociedade tan sobranceiros como a cultura e mesmo a economía, xa que afecta as paisaxes, o medio e o patrimonio". 

É a reflexión que achega o informe elaborado por este organismo estatutario tras as solicitudes presentadas nos últimos dous anos por varios colectivos, diferentes administracións e outras entidades. Entre as medidas recollidas no estudo está a de "solicitar unha moratoria na autorización dos parques para poder revisar o Plan sectorial eólico da Galiza e o seu sometemento á avaliación ambiental estratéxica".

O informe foi elaborado no marco das competencias do CCG como ente consultivo por unha comisión técnica de seis expertos. Coordinouna Rebeca Blanco-Rotea, arqueóloga e profesora na Facultade de Historia da USC. O resto de integrantes foron o xurista Carlos Amoedo Souto, o arqueólogo David Barreiro Martínez, a arquitecta Teresa Nieto Freire, o xeógrafo Augusto Pérez Alberti, o economista Xavier Simón e o arqueólogo Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez. 

Blanco-Rotea, responsábel da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, foi a encargada de presentar esta terza feira o informe en conferencia de prensa, acompañada pola presidenta da entidade, Rosario Álvarez. Alí apuntouse que o CCG está disposto a "debater" e a "colaborar" para "conciliar o interese da enerxías renovábeis e a salvagarda do patrimonio cultural".

Na Galiza existen 176 parques eólicos, situados en 121 concellos. Malia non existir un rexistro público oficial, estímase que na actualidade está en trámite a concesión de 275 parques máis, chegando aos 189 municipios: máis de 60% dos 313 do país. 

O impacto no patrimonio, na paisaxe e no día a día da veciñanza de moitas aldeas suscitou un debate social que levou á actuación do CCG. Enerxía eólica e paisaxes culturais na Galiza ─ese é o título do informe─ avoga pola moratoria na instalación de novos parques até que a Xunta revise e "corrixa os defectos" do seu plan sectorial, que data do ano 1997 e foi revisado en 2002. 

Aínda que a Administración anunciou a paralización até xullo de 2023 da recepción de novas solicitudes, o estudo defende parar tamén a tramitación desas 275 que están en trámite.

Exigua Rede Natura

Considera ademais que a instalación dos parques eólicos supera a capacidade de carga do sistema natural, "que racha coa imaxe da paisaxe tradicional e coa memoria colectiva dos seus habitantes". Por esta razón avoga por salvagardar os lugares que teñen valor pola súa riqueza natural, cultural, paisaxística, etnográfica ou histórica.

Tamén salienta a necesidade de ampliar e definir con precisión o espazo relativo á Rede Natura. Só 12% do territorio galego está recoñecido como parte desta rede, moi por debaixo da media estatal, que se sitúa en 27% do territorio. A súa ampliación leva anos paralizada pola Xunta, incumprindo o mandato do Parlamento galego de xuño de 2017 e as demandas da Comisión Europea.