Oito de cada 10 desafiuzamentos na Galiza son por impagamento do aluguer
Os xulgados galegos practicaron no segundo trimestre deste ano 367 lanzamentos (desafiuzamentos), o que supón 5,2 % máis que nas mesmas datas de 2023. Deles, 282, 76,8 %, foron consecuencia de procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU), é dicir, por falta de pagamentos de aluguer, os cales aumentaron 2,5 %.
Outros 69 corresponderon a execucións hipotecarias - 15 % máis que en 2023-, e os 16 restantes derivaron doutras causas. Na Galiza practicáronse no período estudado, por cada 100.000 habitantes, 10,4 lanzamentos derivados da LAU; e 2,5, de execucións hipotecarias.
No conxunto do Estado os lanzamentos practicados entre abril e xuño aumentaron un 7,8 % respecto a as mesmas datas de 2023, segundo despréndese do informe Efectos da crise económica nos órganos xudiciais, feito público esta cuarta feira pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).
As execucións hipotecarias iniciadas na Galiza durante o segundo trimestre rexistraron un aumento interanual de 6,9 %, pois no período estudado presentáronse 217, fronte ás 203 do ano anterior.
O estudo tamén reflicte que os xulgados galegos ingresaron 24 demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social, o que supón 7,7 % menos que nas mesmas datas de 2023.
Poñendo en relación o número de procedementos ingresados coa poboación, na Galiza rexistráronse 0,9 casos por cada 100.000 habitantes.

