Derrúbase outro tramo do viaduto da A-6

Os dous tramos da A-6 derrubados. (Foto: ruben@arroxo).
Após pouco máis dunha semana do derrubamento do viaduto da A-6, outro tramo do mesmo viario voltou caer.

Hoxe, día 16 de xuño por volta das 19.25 horas derrubouse outro tramo da A-6, moi perto do que xa caera o pasado día 7 de xuño.

Isto aconteceu no momento en que varios concelleiros do BNG da comarca de Lugo se encontraban de visita na zona para reclamar unha solución ao problema.

O tramo que agora se derrubou é dun tamaño practicamente igual ao que caera hai pouco máis dunha semana.

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro (esquerda) momentos posteriores ao derrubamento. (Foto: BNG Lugo).

Unha das persoas alí presentes, o tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, atendeu Nós Diario para tratar o acontecido.

"Xusto cando cheguei acababa de caer o tramo. Agora mesmo supoñemos que caeu só, que non foi un derrubamento intencionado".

"Unha solución rigorosa"

Outra das persoas que se encontraban no lugar, a portavoz do BNG na Deputación Provincial de Lugo, Maite Ferreiro, declarou que “de cara ao vindeiro pleno presentamos unha moción na cal reclamamos ao Goberno do Estado unha solución urxente e rigorosa para o treito afectado, ao mesmo tempo que solicitamos que actúen no trazado alternativo para garantir a seguridade viaria”.

“A A-6 é unha infraestrutura chave para a Galiza que está sendo tratada como un asunto menor por parte do goberno do Estado”, afirmou Ferreiro, que engadiu “se isto acontecese noutras zonas, xa teriamos prazos de recuperación da infraestrutura”.

Pola súa parte, o delegado do Goberno, José Miñóns, informaba pola mañá de que traballa "en dúas frontes" para a apertura do viaduto, algo que desexa teña lugar "canto antes".