O BNG propón unha comisión de seguimento para a recuperación da ponte da A-6

Os nacionalistas tamén solicitarán unha auditoría de toda a A-6.
Néstor Rego e Ana Pontón, presentes no lugar do derrubamento. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego e Ana Pontón, presentes no lugar do derrubamento. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo a creación dunha comisión de seguimento para a recuperación da ponte da tramo da A-6 afectado polo derrubamento dunha ponte á altura de Veiga de Varcarce, en Castela e León.

Nunha visita ao lugar do sinistro, acompañada do deputado no Congreso, Néstor Rego, Ana Pontón apostou pola creación desta comisión de seguimento con presenza de Xunta, Estado, forzas parlamentarias e sectores económicos e sociais afectados.

Ademais, pediu a comparecencia da ministra de Transportes, Raquel Sánchez, e unha investigación "transparente e independente que aclare o colapso dunha ponte con apenas 20 anos de funcionamento".

A líder nacionalista tamén reclamou un calendario que "fixe prazos" para a recuperación da infraestrutura, que é un dos pasos principais da Galiza co centro do Estado español.

Diferente trato

"Estou convencida de que se esta ponte que se derrubou estivese a conectar Madrid, Catalunya ou Euskadi, a resposta sería moi diferente, a ministra responsable sería a primeira en estar aquí presente, habería información, prazos para recuperar a infraestrutura, pero non é o trato que se lle dá á Galiza", advertiu Pontón.

Para a deputada nacionalista, é "incomprensíbel" que unha semana despois, a titular de Transportes non se desprazase ao lugar do sinistro. "A día de hoxe nin se coñecen as causas do derrube, nin como se está investigando, nin cales son os prazos para recuperar unha infraestrutura chave desde o punto de vista económico, social e de mobilidade".

"A Galiza necesita solucións e transparencia e iso é o que lle pedimos ao Goberno central e ao Goberno galego, porque estamos ante un feito moi grave que precisa unha resposta que até o momento non tivo", aseverou.

A portavoz nacional do Bloque esixiu "transparencia, solucións e que leven a cabo, desde o rigor, os traballos para recuperar a normalidade e para unha análise completa da infraestrutura, que tivo un custo millonario, unha das máis caras de todo o Estado". 

Auditoría da A-6

Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, insistiu na "falta de información" xunto coa preocupación pola falta de seguridade. "Non se pode ocultar información e é necesario coñecer se a responsabilidade é da administración ou das empresas construtoras".

O BNG solicitará unha auditoría de toda a A-6. "Sería normal unha política de auditoría e conservación de todas as infraestruturas dependentes do Ministerio de Fomento no conxunto da Galiza, pero neste momento é evidente que é prioritario que se faga nas construcións similares desta autovía", concluíu Rego.

Comentarios