O BNG defende a cesión á Xunta dos inmóbeis da Sareb para crear un parque público de vivendas

Néstor Rego denunciou a situación de "acoso inmobiliario" producida pola Sareb no barrio do Calvario, en Vigo.
Néstor Rego, xunto con Xabier P. Igrexas e militantes do BNG de Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego, xunto con Xabier P. Igrexas e militantes do BNG de Vigo. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu esta terza feira en Vigo a cesión á Xunta dos inmóbeis que a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) ten na Galiza.

O obxectivo da formación nacionalista é crear con todos estes inmóbeis un parque público de vivendas.

Xunto co concelleiro nacionalista vigués, Xabier P. Igrexas, Rego denunciou a situación de "acoso inmobiliario" producida pola Sareb no barrio do Calvario, polo que propuxo a cesión de todos os bens inmóbeis da entidade para dar vivenda a todas aquelas persoas con necesidade.

Para o deputado, é "inaceptábel" o acoso que se está producindo en Vigo. "Non pode ser que unha entidade pública como a Sareb cun parque de vivendas próximo ás 3.000 na Galiza, o manteña inmobilizado ou faga un uso inapropiado, coma se se tratase dunha entidade privada", criticou.

Ceder a "totalidade" do patrimonio

"O que ten que facer a Sareb é ceder a totalidade do seu patrimonio á Xunta, que é quen ten as competencias en materia de vivenda e é a que pode facer unha xestión adecuada para que a Galiza conte cun parque público de vivendas que alivie, no posíbel, a situación de demanda", concluíu o deputado nacionalista.

Na mesma liña se manifestou Igrexas, quen lamentou a situación que viven os veciños do barrio do Calvario, que se queixan de que a Sareb leva anos sen levar a cabo as reparacións necesarias nos seus edificios.

O concelleiro criticou o aumento dos prezos do alugueiro na cidade, a pesar de que hai máis de 17.000 vivendas baleiras, que na súa maioría son propiedade de grandes multinacionais ou da propia Sareb, "que quere actuar como un fondo voitre a pesar de ser unha entidade do Goberno español".

Comentarios