'A derradeira leición', na Terra

[Imaxe: Xunta]

A data é histórica. A partir da sexta feira 5 de outubro, A derradeira leciión do mestre poderá verse por primeira vez na Galiza, 73 anos despois de que Castelao o pintase no exilio de Bos Aires. Descuberto no primeiro Día da Galiza Mártir, a imaxe do mestre asasinado cuxo rostro inspirou Alexandre Bóveda converteuse en símbolo da barbarie de Atila e da resistencia galega ao fascismo. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 316 de Sermos Galiza.

A derradeira leición do mestre é un óleo de dous metros de alto e 136 centímetros de ancho. Reproduce ampliada a estampa número 6 do álbum Galicia Mártir, debuxado por Castelao durante a Guerra Civil. O nacionalista entregouno ao Centro Ourensán de Bos Aires -“o máis galeguista da diáspora”, segundo o historiador e biógrafo do rianxeiro Miguel Anxo Seixas- o mesmo día en que se inauguraba un busto en memoria de Bóveda. A obra nunca até agora saíra da capital arxentina. As xestións da Xunta obtiveron un préstamo do Centro Galicia, onde deu o patrimonio do Ourensán despois da súa disolución, que permitirá seis meses de exposición na Cidade da Cultura. 

 

“É un cadro absolutamente simbólico porque resume brutalmente o que aconteceu coa cultura neste país”, afirma a Sermos Galiza Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao. Tan simbólico que antes de se materializar no lenzo en 1945 coñeceu innúmeras versións e viaxou por medio mundo como embaixador da causa democrática, republicana e galeguista. 

 

En 1937 unha versión de grandes dimensións, formato apaisado e título traducido ao catalán (La darrera lliçó del mestre) ocupaba unha das paredes da Universidade de Barcelona. O escritor chinés Ba Jin, de tendencia anarquista, encargouse de traducir á súa lingua Galicia Mártir e Atila en Galicia. Seixas, comisario da mostra do Gaiás que se titulará Castelao Maxistral, documenta as peripecias das estampas orixinais. “Axiña virou nun emblema”, expón, “a República mesmo emitiu un selo con el”. Galicia Mártir, engade, expúxose en Moscova, Nova York, A Habana, Montevideo e Bos Aires. Foi unha peza central nos esforzos de axitación e propaganda de Castelao a prol da lexitimidade da II República e contra o fascismo.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 316 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]