Reivindicar o dereito ao asilo polo "espolio" climático

Reserva indíxena de Dourados, en Mato Grosso (Brasil), unha zona asoballada pola extracción masiva de soia. (Foto: Xosé Abad)
A Galiza podería converterse nun caladoiro de refuxiadas do clima, desprazadas forzosas da súa terra.

Os efectos irreversíbeis do cambio climático provocarán, segundo a ONU, que entre 250 e 1.000 millóns de persoas se vexan obrigadas a abandonar os seus lugares de orixe nos próximos 30 anos, o que se coñece como "refuxiadas climáticas". Algunhas persoas expertas apuntan a cifras aínda superiores.

"Esta traxedia provocará un número moi importante de desprazamentos forzosos, probabelmente unha das cifras máis elevadas da historia", advirte, en conversa con Nós Diario, Xosé Abad, fotodocumentalista e coordinador da Rede Acampa pola Paz e o Dereito ao Refuxio.

Esta organización sen ánimo de lucro, xurdida na Coruña, conta xa con sede en Madrid, Lisboa e Piracicaba (São Paulo), e loita desde cada territorio polos dereitos das persoas migrantes. Recentemente presentou no Parlamento da Galiza unha proposta para recoñecer a figura da e do refuxiado climático, para o que recibiu o "apoio" das tres forzas políticas (PP, BNG e PSOE).

"Pensamos que é preciso facer unha declaración de intencións en todos os Parlamentos e institucións onde for posíbel. Malia que a Cámara galega non pode lexislar nesta materia por tratarse dunha competencia estatal, si pedimos que inste a Moncloa a actuar", sostén.

Ao non teren recoñecido a día de hoxe o dereito ao refuxio por mor da situación ambiental, estas persoas ven denegadas as súas solicitudes de asilo. "As catástrofes naturais das que foxen, a fame, a seca... Non están admitidas como causas para solicitar o refuxio noutro Estado", explica Abad, e salienta que será "complexo" que os gobernos lexislen a prol deste dereito porque se escudarán en que "moita xente tentará entrar" no territorio que lle permita o acceso.

A acción "devastadora" do ser humano

Malia referirnos a estas persoas como refuxiadas climáticas, a súa situación non se deriva unicamente da acción da natureza: "A acción humana é moi importante, a que provoca as grandes alteracións no clima e os territorios", argumenta, en relación ao "espolio" de recursos que padecen certos lugares de países como o Brasil.

"A exportación desmesurada de recursos naturais, desde o petróleo até o ben máis esencial, a auga", di. Neste senso, a ONU alertou o pasado mes de febreiro do "inzamento de conflitos bélicos" por cuestións derivadas do clima, en esencia, a escaseza de recursos. No último medio século, esta tería sido a causa de 40% das guerras no mundo. "Millóns de persoas tentarán fuxir nos vindeiros anos, principalmente cara a Europa e aos Estados Unidos de América", asegura o xornalista e coordinador de Acampa.

A Galiza, posíbel destino

Segundo as previsións actuais, a Galiza do ano 2050 verá aumentada a temperatura media en perto de dous graos centígrados e as precipitacións reduciranse nuns 500 milímetros de auga anuais. Porén, o país seguirá a ser un destino atractivo para as persoas que hogano xa foxen dos climas extremadamente áridos, xa que, malia todo, será un dos territorios menos afectados da península e mesmo do vello continente.

É por iso que Xosé Abad insta a actuar cando antes, a fin de abordar "con tempo" esta problemática: "Non podemos fechar os ollos ante un asunto tan grave porque cando o teñamos enriba será un conflito importante e moi difícil de resolver", conclúe.