domingo 09/05/21

UE e direito de asilo

Durante as recentes crises –sanitaria, económica, climática, humanitaria– a Unión Europea leva dando mostras de a súa equinodérmica aparataxe burocrática ser incapaz de reaxir en tempo e forma. O seu auto-proclamado paraíso das liberdades cívicas e democráticas ten, desde logo, moitas sombras, unha delas a do direito de asilo e xestión da catástrofe humanitaria das persoas refuxiadas. E, a pesar de se querer desfacer delas dunha maneira vergoñosa, mesmo valéndose de acordos con estados que se caracterizan pola represión e ataque ás liberdades democráticas, como é o caso da Turquía, o problema continúa aí, no purgatorio, a queimar a xa en entredito reputación europea.

Para xa, a UE está a violar de maneira flagrante a convención universal dos refuxiados, que data de 1951, a convención europea sobre os direitos humanos e a súa propria lexislación, que esixen que os estados protexan o direito das persoas a pediren asilo, non podendo os governos negar automaticamente a entrada, regresar á forza ou repeler as persoas sen avaliar a súa necesidade de protección. E é iso mesmo o que está a acontecer segundo a Acnur, a axencia da ONU para as persoas refuxiadas, que denuncia un fluxo contínuo de relatorios de estados que restrinxen o acceso ao asilo, e retornan persoas. E aínda máis. Unha das altas comisarias do organismo acrecenta que se está a actuar de forma violenta e aparentemente sistemática, que se están a capturar os barcos que transportan persoas refuxiadas cando chegan a terra para despois seren empurrados de novo para o mar, que se constatan abusos por parte das forzas estatais e que se detén informalmente persoas que chegan por terra e se devolven á forza para os países viciños, sen calquer consideración das súas necesidades de protección internacional. 

Non son feitos isolados, non. A finais do ano pasado, foille entregue á Comisión Europea un libro negro de 1.500 páxinas, con foco para a rota de migración dos Balcáns, en que se documentan centenas de actuacións ilegais e violentas. Únanse a isto as manobras de turcos e gregos, as equipas de homes non identificados con uniformes negros a interceptar barcos, ou a investigación á que está sendo sometida a Frontex. Mentres, no outro extremo da UE, as denuncias de contínuos abusos dos direitos das persoas migrantes por parte da policía de Calais son constantes. Cunha axenda de traballo tal, a extrema direita dorme tranquila e avanza.

comentarios