A Deputación de Pontevedra do PP bota por terra o proxecto para rehabilitar o convento de Santa Clara

Traballos no convento de Santa Clara (Foto: Concello de Pontevedra).
O portavoz do BNG na Deputación, César Mosqueira, saíu ao paso desta decisión da nova Administración criticando o vicepresidente por "desfacer todo o feito" no Museo de Pontevedra nos últimos anos, actuando como un 'destroyer'.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou que a institución descarta continuar cos proxectos do concurso de ideas para rehabilitar o convento de Santa Clara porque segundo el "a proposta do anterior goberno era a de vandalizar os xardíns do convento de Santa Clara para facer un almacén".

Segundo manifestou onte Domínguez nunha rolda de prensa, tras asumir a responsabilidade política do Museo de Pontevedra e estudar "en profundidade" o proxecto que o anterior goberno tiña para Santa Clara, atoparon esa "deficiencia" neste concurso de ideas.

"Todos os equipos de arquitectura que se presentaron ao concurso de ideas seguiron estas directrices que, desde o noso punto de vista, son erróneas", polo que se renuncia agora a todos eles.

Resposta do BNG

O portavoz do BNG na Deputación, César Mosqueira, saíu ao paso desta decisión da nova Administración criticando o vicepresidente por "desfacer todo o feito" no Museo de Pontevedra nos últimos anos, actuando como un 'destroyer'. Ademais, acusou Domínguez de converter o Museo nunha dependencia xestionada directamente polo Partido Popular e asegurou que o cambio de proxecto anunciado é unha "desculpa para adxudicar a dedo unha nova proposta".

Para César Mosqueira, anterior responsábel político do Museo, a anulación do proxecto de rehabilitación de Santa Clara co fin de cambiar a proposta museística é unha "desculpa de mal pagador", un motivo que aínda parecendo plausíbel, non está xustificado, xa que o anteproxecto gañador do concurso podería desenvolverse sen problema retirando a parte referida á arqueoloxía, segundo argumentou.