A Deputación de Pontevedra vén de anunciar a adhesión á rede Ágora de 44 concellos. A iniciativa impulsada desde o departamento de Mobilidade do ente provincial ten como obxectivo que “os municipios multipliquen o espazo destinado ás persoas nas vilas, cidades e calquera núcleo de poboación, reducíndoo aos vehículos a motor”.
A incorporación ao proxecto vai supor para os concellos a participación en programas e axudas provinciais, a recepción de asesoramento por parte de persoal especializado e a captación de recursos externos para financiar proxectos.
Así mesmo, agárdase que posibilite a inclusión en cursos, conferencias e exposicións, así como no impulso a accións de sensibilización nos centros educativos.
O responsábel do departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, destacou a boa acollida do proxecto e lembrou que hai comarcas nas que practicamente se adheriron todos os concellos.
“Sempre dixemos que os principios Ágora, a súa filosofía, poden implantarse en calquera tipo de concello, sexa cal sexa o seu tamaño. Ese vai ser un dos retos e queremos demostralo con feitos de aquí a tres anos”, afirmou Benítez.
Tamén sinalou que no proxecto “están presentes concellos máis urbanos, con máis poboación, e máis rurais e con menos poboación”.
“O resultado é máis que satisfactorio pola nosa parte. Entendemos que é un grande éxito de participación e de acollida. Veremos de agora en diante, xa que o compromiso é incrementar o espazo público para as persoas (…), e en xuño de 2023 temos que demostrar con datos que Ágora serviu para algo”, concluíu Benítez.