FITUR

A Deputación da Coruña leva a Fitur a súa estratexia de sustentabilidade turística

Área integrada no Plan de Sustentabilidade Turística do centro histórico de Ferrol e do patrimonio militar da costa Ártabra. (Foto: Deputación da Coruña)

Até cinco comarcas da provincia da Coruña víronse beneficiadas polos plans de desenvolvemento turístico sostíbel da Deputación, que abundará en Fitur sobre o seu modelo propio e presentará as iniciativas que ten en marcha, e que foron financiadas parcialmente polos fondos Next Generation da UE.

A aposta polo turismo sostíbel que a Deputación da Coruña encabezou nos últimos anos na Feira Internacional de Turismo (Fitur), organizada anualmente na Institución Feiral de Madrid, escribirá na edición de 2024, que decorre desde a cuarta feira até o domingo, un novo capítulo, coa presentación dos cinco Plans de Sustentabilidade Turística en Destino impulsados pola entidade.

Estes programas, os Fogóns do Anllóns, as Fragas do Eume, o proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal, a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, así como o enfocado no centro histórico de Ferrol e no patrimonio militar da Costa Ártabra, serán o eixo dos dous eventos da Deputación en Fitur, que estarán a cargo dunha delegación liderada polo vicepresidente e responsábel de Turismo do organismo, Xosé Regueira, canda unha representación das comarcas beneficiadas: Bergantiños, Eume, Ortegal, Santiago e Ferrolterra.

O primeiro acto, ‘Provincia da Coruña, territorio sostíbel”, decorrerá a cuarta feira no stand dedicado á Galiza, cun audiovisual para reflexionar arredor das prácticas sostíbeis. Amais de Regueira, está previsto que interveña o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado Antonio Leira. Durante a presentación emitirase un vídeo sobre a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle.

Os case 27 km que percorre a senda do antigo ferrocarril por Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda ratifícana como a vía verde máis longa do país. Ademais, está proxectado un novo tramo que engadirá arredor de 10 km ao traxecto, que se estenderá até a capital galega.

Xa a sexta feira desenvolverase o segundo evento, no que o vicepresidente introducirá o 'Cabo Ortegal. Territorio xeolóxico', no marco dunha presentación  acompañado de representantes da Xunta da Galiza, a Rede Mundial de Xeoparques e múltiples organizacións e concellos sobre os xeoparques mundiais na Galiza da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, Unesco.

O pasado ano a Unesco proclamou o cabo Ortegal como novo Xeoparque Mundial, nunha área que abarca máis de 600 km cadrados entre Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño, converténdose así na segunda zona da Galiza que recibe esta distinción despois das montañas do Courel.

A sustentabilidade como motor das actuacións

Regueira defende o modelo de turismo fomentado pola Deputación, detallando que está baseado “na sustentabilidade medioambiental, económica e social, que pasa por manter a autenticidade do territorio, contribuír á xeración de riqueza local e á fixación de poboación no rural desde o máximo respecto medioambiental”.

Estes programas foron financiados parcialmente con 7.8 millóns de euros polos fondos Next Generation da Unión Europea por medio do Plan de recuperación, transformación e resiliencia español, e buscan promover un “turismo baseado no respecto medioambiental, a implicación da poboación local, a xeración de riqueza na contorna máis próxima e a preservación do medio natural”, apuntan desde a Deputación da Coruña.

No que atinxe ao plan do centro histórico de Ferrol e do patrimonio militar da Costa Ártabra, inclúe melloras no alumeado, zonas verdes e parques públicos da urbe, ou a recuperación do observatorio meteorolóxico de Monte Ventoso e do baluarte de San Xoán. Asemade, recolle a restauración do sistema de baterías de artillaría para a defensa do territorio en Ferrol, Ares e Valdoviño.

Arredor dos Fogóns do Anllóns fíxose énfase na transición sustentábel e dixital e na eficiencia enerxética na comarca de Bergantiños, nunha proposta para consolidar un sendeiro de 53 km polo río Anllóns cunha rede de miradoiros e praias fluviais e crear feiras e rutas gastronómicas para destacar a calidade dos produtos de proximidade.

Sobre as Fragas do Eume, un dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados do continente, a iniciativa para a promoción do seu patrimonio natural e paisaxístico foi deseñada para garantir que non vai afectar á sustentabilidade do lugar, e comprende a dixitalización e a diversificación da actividade turística na área, cun forte peso do eido cultural no desenvolvemento turístico.

Na pescuda dunha oferta "diversa"

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, debullou que o modelo que propoñen se traduce en "produtos turísticos diversos e de gran calidade, que poñen en valor a nosa identidade e se dirixen a un perfil" que demanda patrimonio, cultura, gastronomía ou ocio activo.