Violencia machista

Alerta polas denuncias por picadas de submisión química: "As mulleres seguimos sen poder ir tranquilas de festa"

Os estabelecementos de lecer nocturno xa traballan en novos protocolos para facer fronte a este tipo de agresións. (Foto: Bernard Bodo)
O lecer nocturno segue sen ser un espazo seguro para as mulleres galegas. Nas últimas horas as autoridades tiveron constancia de dúas denuncias por picadas de submisión química na Coruña e Nigrán, un acto delitivo que busca anular a vontade da vítima e que, quer agulla mediante quer por vía oral, é a causa dunha de cada tres agresións sexuais.

Desinhibición, somnolencia, náuseas, dor de cabeza, desorientación, perdas de memoria. Son os principais síntomas das drogas que agresores sexuais administran a traizón para conseguir a submisión química da súa vítima, é dicir, anular a súa vontade. Un estudo presentado semanas atrás polo Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses (INTCF) concluíu, con base nos casos analizados nos últimos cinco anos, que 33% das agresións sexuais producíronse baixo os efectos da submisión química.

A meirande parte deses casos déronse por alcol, psicofármacos e outras drogas administradas por vía oral contra a vontade da muller. Porén, nos últimos tempos disparáronse as denuncias en países como Francia ou Reino Unido por mor da submisión química a través de picadas. Esta práctica delitiva aterrou recentemente tamén no Estado español, onde só desde o pasado mes de xullo as alertas cóntanse por decenas.

As autoridades policiais teñen constancia de dúas denuncias por picadas de submisión química, unha na Coruña e outra en Nigrán

Precisamente esta mesma quinta feira fontes policiais informaron da denuncia presentada por unha rapaza que se desmaiou á saída dun local de lecer nocturno na Coruña e que foi trasladada posteriormente ao hospital. Unha vez alí, o persoal médico observou unha marca no nocello compatíbel cunha picada, polo que foi sometida a diferentes probas, cuxo resultado aínda non transcendeu, para determinar se foi un intento de submisión química.

Aliás, outra moza alertou na madrugada desta cuarta feira dun caso semellante nas festas de Praia América, en Nigrán. Foi trasladada ao centro de saúde e posteriormente derivada ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, logo de ter sentido unha picada e posteriormente marearse. A análise toxicolóxica á que foi sometida desprendeu un resultado negativo.

Porén, os protocolos sanitarios vixentes para casos de submisión química inciden en que isto non significa necesariamente que non se tivese administrado algunha substancia á vítima, quer porque a análise non puido detectar a droga en cuestión quer porque pasou o tempo suficiente para que eliminase todo rastro no rego sanguíneo. As autoridades chaman á "calma" dado que a maioría dos casos denunciados no Estado resultaron negativos en calquera substancia.

Mais non se debe esquecer que o feito propio de recibir unha inxección contra a vontade, aínda que non chegue substancia ningunha ao sangue, xa constitúe unha agresión en si e unha intimidación á vítima e, polo tanto, un feito delitivo. E nesta mesma liña apunta, en conversa con Nós Diario, a militante feminista e activista da Marcha Mundial das Mulleres Ximena González, que insta a non quitar ferro a un asunto que é de extrema gravidade.

"Hai unha vaga reaccionaria ante todos os avances do feminismo", advirte Ximena González

"Isto é unha mostra máis de que as mulleres seguimos a acudir ao lecer nocturno preocupadas e ocupadas en que non nos pase nada, mentres os homes van só a gozar, e en ocasións mesmo usan ese poder que lles dá o patriarcado para atemorizarnos", cuestiona.

Cómpre reflexionarmos sobre o problema "de fondo", precisa González: "Estamos a sufrir unha onda de intimidacións que nos di que corremos perigo cando saímos de festa, e non é algo novo. Hai unha vaga reaccionaria ante todos os avances do feminismo, de quitar dereitos conseguidos e devolvernos a un lugar do que, en verdade, aínda estamos tentando saír".

Puntos lilás e protocolos

A activista subliña que, se ben tense avanzado noutros eidos, crear espazos seguros no lecer nocturno é algo que aínda non se conseguiu. Lembra que desde o movemento feminista teñen impulsado diferentes campañas informativas e protocolos. "Debemos abordalo non desde o medo, senón desde a información", precisa.

Neste senso, o Goberno estatal vén de facer un chamamento aos locais do lecer nocturno para sumarse á campaña dos 'puntos lilás' nas discotecas, e a patronal galega, Galiza de noite, avanzou que xa traballa nun protocolo específico xunto ao Ministerio de Igualdade. González celebra estes progresos, mais fai fincapé que estas iniciativas deben ir "máis aló de repartir folletos" e avoga por "tecer redes de mulleres para estarmos atentas e axudar cando se precise".

Mais a responsabilidade tamén recae nos estabelecementos: "Hai que falar cos propietarios para que tomen conciencia. En Euskal Herria levan anos xa con protocolos contra agresións e, se se produce unha, párase a actividade e non se retoma até que o agresor é localizado, expulsado e levado ante a Policía".

Ketamina, éxtase e outras drogas

No recente caso denunciado por unha moza de trece anos en Xixón si se detectou a presenza dunha droga no seu organismo: éxtase líquido. As autoridades descoñecen aínda que substancias pretenden inxectar os agresores —ou, nos casos xa rexistrados con anterioridade, administrar por vía oral contra a vontade da muller—, en parte porque non todas as drogas son sensíbeis ás análises toxicolóxicas das que dispomos hoxe, se ben afirman que se trataría dalgunhas inhibidoras como, alén da citada, a ketamina, as benzodiacepinas e, sobre todo, o propio alcol.