Denuncian que a comarca da Mariña ficou 5 días sen aeronave de rescate

Un helicóptero de gardacostas da Galiza. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

"A comarca da Mariña estivo case unha semana sen helicóptero de rescate". Esta é a denuncia que persoal do corpo de Gardacostas realizou a 'Nós Diario' e que corroboran fontes do comité. Unha avaría nun aparato AW 139 da base de Celeiro (Viveiro) deixou esa unidade inoperativa, "e non foi substituída", afirman.

Gardacostas é un servizo público galego, dependente da Consellaría do Mar, que enmarca labores de salvamento marítimo, loita contra a contaminación mariña e tarefas de vixilancia. Un servizo público, porén, onde a multinacional británica Avincis —antes Babcock International— é a adxudicataria e encargada de operar e manter os dous helicópteros de Gardacostas, un na base de Vigo e outro na de Celeiro. Unha empresa privada que ten, pois, unha enorme responsabilidade nuns servizos vitais para sectores como o do mar. Persoal da base de Celeiro denunciou a Nós Diario que entre a segunda feira 12 de xuño e sexta feira, día 16, o helicóptero estivo inoperativo.  

"O helicóptero estaba fóra do hangar e sufriu unha avaría nun dos seus sensores, cremos que pola gran treboada que esa tarde afectou a zona. Sen ese sensor, o aparato non pode operar por motivos de seguridade", afirman fontes do cadro de persoal. O motivo de que o aparato, un AW 139, "substituto dos helicópteros titulares", estivese á intemperie responde a que o hangar que acolle o helicóptero é pequeno de máis, o que obriga a que as operacións para metelo e sacalo "impliquen moita manobra e máis tempo, porque colle xustiño". 

Poñen de manifesto desde o persoal que no prego de condicións do último contrato, a Xunta da Galiza emprazaba a adxudicataria a asumir aquelas obras necesarias nas instalacións, "mais o hangar segue como estaba". Esta avaría deixou a comarca da Mariña cinco días sen helicóptero de rescate, sinalan, malia que, engaden, no contrato entre a Xunta da Galiza e a adxudicataria, Avincis, especifícase que "en 48 horas" debe de disporse unha aeronave  de substitución. "Non se fixo", denuncian con rotundidade traballadores desta base.

Fontes do persoal lamentan que este tipo de situacións, nas que un helicóptero fica inoperativo por unha avaría, danse máis do desexado. "Non hai tanto, houbo varias noites onde o aparato non puido voar por mor dun fallo no radar". O transfondo destes e doutros problemas no servizo de rescate aéreo, apuntan, radica nos incumprimentos de Babcock —adxudicataria do servizo aéreo de salvamento marítimo da Xunta da Galiza— de cláusulas do contrato e que o propio persoal denunciou en reiteradas ocasións.

Unha situación, sempre segundo estas mesmas fontes, que condiciona o propio labor e responsabilidades que desenvolven en áreas tan sensíbeis como a do salvamento. As bases de Vigo e Celeiro teñen por volta de 40 traballadores. 

Entre as denuncias máis destacadas está a de que os helicópteros de substitución que dispón a empresa—son aqueles que se empregan cando os titulares non están operativos por avaría ou mantemento— carecen de elementos que se exixen no contrato coa Xunta e que ademais o persoal considera de importancia para o seu labor, como  que a aeronave dispoña de dúas grúas de rescate.

A Consellaría non desbota aplicar penalizacións á adxudicataria

A preguntas de Nós Diario, desde a Consellaría afirman que o helicóperto "está plenamente operativo na actualidade tras solucionar uns problemas mecánicos detectados a mediados da semana pasada. A Consellería do Mar fixo un seguimento desta incidencia desde o primeiro momento e estivo en contacto coa empresa adxudicataria do servizo para coñecer a súa evolución, advertindo de que aplicará as penalizacións oportunas en caso de incumprimento das obrigas do contrato, cuestión que se está a analizar neste momento".

"Estase a actuar do mesmo xeito que en ocasións anteriores, nas que se aplicaron as sancións correspondentes, co obxectivo de prestar o mellor servizo posible e velar polo cumprimento do contrato", indican desde o departamento da Xunta.