Paralizado o traslado ao novo Hospital de Vigo

Suspendidos o traslado de doentes e profesionais ao novo complexo hospitalario por risco de infeccións. Retrásase a posta en marcha en diversos servizos.

 

Suspendido o traslado de doentes e de profesionais ao novo hospital de Vigo, o 'Álvaro Cunqueiro', segundo confirmaron fontes sindicais xa a primeira hora da mañá e confirmaron despois desde o Sergas. O presidente da Xunta de Persoal, Ángel Cameselle, sinalou a EP que souberon da paralización porque “mandos intermedios” estaban avisando ao persoal de que se suspendían os traslados.

O xerente dol Complexo Hospitario Universitario de Vigo (Chuvi), Félix Rubial, confirmaba que o traslado de doentes ao 'Álvaro Cunqueiro' tiña que ser "reprogramado" por motivos de "seguridade". Recoñeceu que non está testada a seguridade microbiolóxica do aire de zonas cirúrxicas, medicina intensiva, maternofilialese da UCI, onde apareceron xérmenes. A hipótese é que hai filtracións no ar acondicionado..

Desde a CIG-Saúde afirman nun comunicado que "en días anteriores xa tiñamos denunciado que considerabamos precipitado realizar este traslado antes de facer unha avaliación de riscos, e por esta razón pediamos a paralización do traslado".

Problemas

Nunha reportaxe de Cristian López que se publica neste semanario nº160 do Sermos Galiza, xa se sinalaba o cumio de problemas e deficiencias que se estaba a dar. “As deficiencias estruturais do complexo evidenciáronse en poucas semanas. Pingueiras e inundacións sorprenderon o persoal e os doentes nos departamento de Admisión e Consultas Externas, así como nos aparcadoiros do Álvaro Cunqueiro, despois da rotura dunha tubaria. Nas mesmas datas, unha doente resultou ferida ao caerlle enriba parte dun falso teito cando estaba nunha sala de espera. Deficiencias que levaron a CIG-Saúde de Vigo a presentar dúas denuncias perante a Inspección de Traballo. O sindicato sinala cinco situacións de risco para persoal e usuarias no novo Hospital de Vigo. Dende falta de ventilación a problemas na protección e seguridade biolóxica, especialmente graves na zona do laboratorio. “A maioría das situacións de risco teñen que ver con problemas no deseño estrutural, no que non se tiveron en conta as opinións das e dos profesionais, e agora precisan de obras para a súa corrección”.