Denuncian que o novo alcalde de Castrelo ameazou un militante do BNG e ex concelleiro

Castrelo de Miño

Denúnciao o BNG da localidade, que cualifica de “vergoña” os feitos, acontecidos na feira do municipio da localidade.

O pasado mes de agosto e a través dunha moción de censura en Castrelo de Miño o PP botaba o BNG da Alcaldía co apoio de 2 tránsfugas do PSOE.

A mediados deste mes a Secretaría do Concello de Castrelo de Miño emitía un informe no que insta o alcalde a cesar como membros do Executivo os concelleiros tránsfugas do PSdeG-PSOE que apoiaron a moción de censura do Partido Popular para apartar do Goberno local o BNG.

O Bloque de Castrelo vén de denunciar agora a través dun comunicado que o actual rexedor deste concello da comarca do Ribeiro “encarou e ameazou” un dos seus militante, que fora concelleiro nacionalista no Goberno local do BNG.

Os feitos, sempre segundo esta versión, tiveron lugar este domingo, durante a feira mensual que se realiza en Castrelo de Miño. “Cando o ex concelleiro paseaba pola feira coa súa familia, o ilexítimo alcalde cruzou a feira para increpar, encarar e ameazar o militante do BNG para sorpresa do mesmo e dos veciños que estaban alí”.

Para os nacionalistas os feitos constitúen unha “vergoña” e di que os mesmos demostran que o rexedor “carece dos valores e a educación” para ocupar o posto de alcalde.

"Se non sabe estar nin nos plenos, nin nas actividades de lecer polas rúas, que se aparte da vida política e deixe paso a compañeiros con máis educación", indican os nacionalistas.