Secretaría propón cesar como membros do Goberno aos edís tránsfugas de Castrelo

Os concelleiros Francisco Pérez e Jaime Fontanes no punto de mira
O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, con José Manuel Baltar. (Foto: Avelino Pazos)
photo_camera O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, con José Manuel Baltar. (Foto: Avelino Pazos)

A Secretaría do Concello de Castrelo de Miño vén de emitir un informe no que insta o alcalde a cesar como membros do Executivo aos concelleiros tránsfugas do PSdeG-PSOE que no pasado mes de agosto apoiaron unha moción de censura do Partido Popular para apartar do Goberno local o BNG.

O informe de Secretaría propón “o cesamento dos Sres. Concelleiros non adscritos Francisco Pérez Iglesias e Jaime Fontanes Villamarín nos cargos de 1º e 3º tenente de alcalde respectivamente, así como de membro da Xunta de Goberno Local, de representante municipal nos órganos colexiados dos que forma parte o Concello de Castrelo de Miño”.

Ao tempo, sinala que “o cesamento no exercizo dos cargos descritos levará consigo a perda do dereito á percepción dos dereitos retributivos correspondentes aos mesmos e que implican unha mellora nos seus dereitos económicos en comparación aos percibidos con anterioridade ao pase á condición de non adscrito”.

A proposta da Secretaría do Concello de Castrelo de Miño é consecuencia da aplicación da xurisprudencia xurdida da sentenza 1401/2020. A mesma recolle, que  “o pase a condición de concelleiro non adscrito, como consecuencia ou por razón dun suposto de transfuguismo, si impide que se asuman cargos ou que perciban retribucións que antes non exercía ou percibía e impliquen melloras persoais, políticas ou económicas.

Fica excluída desta limitación a incorporación ás comisións informativas”. Ao tempo, a resolución determina o alcance do veredicto, afirmando que “o pase á condición de concelleiro non adscrito, por incorrer en transfuguismo, supoña unha incremento ou mellora do status, e se toma como referencia aqueles beneficios políticos distintos ao indispoñíbeis por ser asociados á condición de concelleiros”.

O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, debe decidir agora respecto da proposta da Secretaría. A este respecto, o portavoz do Bloque Nacionalista Galego na localidade, Esteban Suárez, agarda que “o alcalde ilexítimo tome cumpra a lei e proceda a cesar estes dous concelleiros e non nos obrigue a acudir a outras instancias para restaurar a legalidade”.

Por último, Suárez lembra que a resolución da Secretaría do Concello de Castrelo responde a un recurso de revisión presentado pola organización nacionalista.
Francisco Pérez Iglesias e Jaime Fontanes Villamarín non son os dous únicos concelleiros tránsfugas removidos das súas responsabilidades de goberno en aplicación do disposto na sentenza 1401/2020 do Tribunal Supremo, con anterioridade ten cesado no seu cargo o edil de Viana de Bolo, Santiago Barja Barja.

Comentarios